PROFUNDA ACHEGA. DE QUE FALAMOS AO FALAR DE FILOSOFÍA

Anatomía do pensar

O Discurso filosófico e a súa interpretación ,volume primeiro

Marcelino Agís Villaverde

Editorial Galaxia, Vigo, 2020, 639 páxinas.

 

Marcelino Agís Villaverde, catedrático  de Filosofía ten sido, sen dúbida, o docente que, ao longo dos anos, máis ten feito en Galicia por divulgar o pensamento filosófico nos medio de comunicación, especialmente na prensa. E sempre o fai cunha linguaxe sinxela e axeitada a todo tipo de lectores. Pero o seu labor non se limita a iso: durante máis de dez anos leva analizando, en tratados de amplo  recorrido e non menor profundidade, o discurso filosófico e a súa interpretación. A mediación mediante a palabra escrita que se lles permite aos “amantes da sabeduría”, e así poder transmitir o seu pensamento. O proxecto  constituirá  unha obra de máis de mil páxinas, das que arestora Galaxia publica a primeira parte. Marcelino Agís, discípulo do filósofo francés Paul Ricoeur deu ao prelo o primeiro volume da análise da mediación discursiva, concibida dunha forma ampla e na que en oito capítulos revisa unha manchea de aspectos relacionados coa creación filosófica e cos seus complementos: a lectura e a interpretación dos  textos escritos ao longo dos séculos e materializados en conceptos e nun xénero literario axeitado.

O seu labor nesta primeira entrega comeza polo máis sinxelo: de que falamos cando falamos  de filosofía? Con análises da figura do filósofo: un ser humanos coma outro calquera, afectado polos acontecementos macabros; exemplo Husserl que fixo ver como o “eu” transcendente se ve condicionado pola historia. O milagre da linguaxe filosófica con referencias a Heidegger (“a linguaxe é a casa do ser”)  e a outros moitos pensadores. Séguenlle outras amplas secuencias como “As metáforas do discurso”, onde afonda no discurso  como acontecemento da linguaxe. E moitos outros temas. “As herdanzas evolucionadas”: a lingua dun filósofo pode conformar o seu modo de filosofar? Cómo inflúe a palabra escrita ou simplemente falada no discurso filosófico).

 

             Marcelino Agis Villaverde

 

Analiza igualmente noutro capítulo, con cita inicial de Max Black,  en que consiste pensar e as relacións entre as palabras e as ideas. Mais quizais a parte máis interesante queda reservada  para os últimos capítulos. Baixo o talismán de Paul Ricoeur e Roland Barthes, o autor entra de cheo na parte máis filosófica da publicación: cómo penetrar na “alma” do texto. Cuestións de profunda hermenéutica na que Marcelino Agís é un recoñecido especialista. Un texto filosófico amplamente documentado no seu conxunto, cunha linguaxe apropiada  para calquera lector interesado no celme de este primeiro volume: as relacións entre texto e interpretación e na primordial vocación da filosofía: no só amor á sabedoría, senón tamén ler e interpretar acertadamente os textos nos que esa sabedoría nos é comunicada.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 7 de maio de 2020)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s