NOVELA MEMORIALÍSTICA. RECUPEREACIÓN NOSTÁLXICA DE TEMPOS IDOS

O verán de Lucenza

Alberto Fortes

Edicións Xerais, Vigo, 2020, 112 páxinas

 

Alberto Fortes, autor de O verán de Lucenza, aínda que non se prodiga en demasía na narrativa galega, é un narrador con pericia e eficiente, tanto en castelán como na lingua de noso. Autor de varios títulos en ambas as dúas linguas, entre eles O violín de Sarasate (2002) ou Los viajes de Shacleton a la Antártida.

A peza que arestora publica en Xerais é unha novela memorialística, ateigada de nostalxia, que comeza cunha xornada de pesca de troitas  cando nos ríos galegos había troitas, alá polos anos setenta, e non contaminación como arestora. Protagonizada por un rapaz, o fillo do Cortizo, que pasa as vacacións de verán cunhas súas tías maiores. A cor e a pesca das troitas é a primeira memoria que rescata do esquecemento. Tamén a primeira experiencia. Mais agora o protagonista lembra o que viu e a xente di que xa non existe en Lucenza: feitos que non deixan memoria como as troitas que hoxe pican nun sitio e maña fano noutro.

Unha aldea abandonada, na que hai cincuenta anos había esterco con cheiro tépedo do gando que tiña nome de seu. Mais o formigo das picadas das troitas faille remoer saudosos pensamentos e lembranzas nostálxicas como a sega da herba  nos veráns, a colleita das mazorcas de millo, o leite que non se mercaba nas tendas, senón que, acabado de muxir, distribuíase en calderetas. As castañas que ao asar dan un brinco por riba das pranchas da cociña de leña. Nomes que xa se perderon como cravuñar as gadañas na sega da herba, as muiñadas, as lacenas embuchadas a media altura nas paredes; o cuarto falso, o máis vello da casa que agacha sos segredos da familia. As carreiras dos cativos para apañar as canas dos foguetes. As troitas que engordan pola memoria da fariña que durante anos lles botaba Xulio, o muiñeiro; os camiños, case que todos terreos, marcados polas correntías.

 

 

     Alberto Fortes

A novela recupera a memoria deste adolescente nun tempo que semella demasiado afastado, e faino con certo humor e retranca. E nesta acordanza tamén teñen o seu lugar personaxes e actividades que hoxe xa se perderon, como a do malpocado que por costume tiñan todas as parroquias; a do gaiteiro que anda polas festas cun anano que batía moi ben as baquetas no coiro do tamboril; as farturentas boroas de pan de millo que xa non están, e que unha veciña cocía os venres no forno comunal. Por esta razón, este é un libro de narrativa memorialística que, ende mal, se está  esfariñando entre nós. Xa que logo, unha historia de formato breve, cuxas pretensións son  non deixar  que se perda un pasado aínda recente de tesouros materiais e inmateriais dunha aldea galega en tempos idos e que o autor recupera con agarimo.

(Texto publicado o día 26 de marzo de 2020 no xornal Faro de Vigo)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s