O amante
Marguerite Duras
Traducción de Oriana Méndez
Kalandraka Editora (Faktoria K Narrativa), Pontevedra, 2020, 109 páxinas.
Foi algo que semella rachar coas leis la lóxica dos sistemas literarios. Marguerite Duras obtivo en 1984 o Premio Gongourt cun libro moi breve e que posiblemente non é a súa mellor novela L’Amant, escrito soamente en catro meses e inspirado nunha serie de fotografías familiares da su adolescencia e xuventude. A novela foi considerada como unha novela autobiográfica, cando en realidade é unha biografía, aínda que a crítica comete un erro ao centrase demasiado no carácter autobiográfico. Mais a autora nunca revelou o que había de realidade e ficción na súa obra. Agachou datos moi relevantes na temática da peza: a relación sexual entre unha adolescente de catorce anos e un mozo de vinte e seis na Indochina de entre guerras. Hoxe sabemos que esa rapariga era a propia Marguerite Duras, e o mozo, o fillo dun millonario chinés.
Xa que logo, os dous protagonistas da trama existiron na realidade. No anos 1984, data na que Marguerite Duras escribiu esta historia acababa de saír dunha cura de desintoxicación alcohólica. A súa ollada, ao escribir sobre aquela nena e verbo daquela historia, non superada da súa infancia, é dunha pureza total. Non é posible imaxinar intencións perversas no mozo millonario que cada día espera a súa amante á saída do colexio. E a súa caste de virxindade escritural revélase xa na prosa delicada e poética con que está escrita a novela, porque, malia o forte erotismo que encerran as páxinas da novela, este non se alicerza na descrición de escenas sexuais, senón no ambiente opresivo, corrupto e enfermizo no que se desenvolve a infancia e adolescencia da rapariga. O sexo foi para ela unha caste de válvula de escape fronte aos problemas familiares que soportaba na súa familia. Apenas coñeceu o pai falecido dunha enfermidade; e a nai era unha muller desnortada, esgotada mentalmente e vencellada ao fillo maior polo complexo de Edipo, que a incapacitaba para non o compracer, esquecéndose do resto da familia.
A única saída da rapariga era soñar nun mundo afastado do ambiente familiar e ensumirse noutro ambiente definido pola delicadeza do amante chinés, na súa paciencia de home namorado e no misterio da espera..
Na trama non fai acto de presenza a protagonista nin con nome nin con apelidos. Emporiso, sabemos que ela, Margariete Duras é a que nos estamos mergullando na súa vida. Só sabemos que estamos en 1925. Unha voz en terceira persoa fainos saber que unha rapaza de apenas quince anos, aínda co peito de nena, e de familia na miseria, está facendo unha viaxe no traxecto que atravesa o delta do Mekong. Regresa das vacacións que pasara nun fogar da familia na provincia de Dong Thap. E vén de volta ao colexio a Saigón. A nai quere que faga as oposicións de matemáticas, pero ela o que pretende é escribir. Mentres se atopa na ponte da embarcación, atrae a atención dun mozo de vinte e sete anos, de orixe chinés, fillo e herdeiro dun importante home de negocios. Inicia a conversación coa repariga, e, a o desembarcar, proponlle acompañala no seu automóbil. Ela acepta e lévaa á cidade, ao ingreso co colexio. A rapaza é filla dunha viúva cuxas circunstancias xa revelei. A partir daquel momento, a rapaza nunca fará a viaxe no autocar para os indíxenas. Terá unha limusina esperando sempre por ela. Cenará con chinés nos locais máis elegantes. Ela sabe que o mozo chinés está a súa mercede. Sabe tamén que, en diante a nai non deberá coñecer nada do que suceda. Na rapaza xurde o desexo, cando el llelo pediu. E a dor transfórmase en pracer. E a nena decátase de que o desexa. Farano unha e outra vez.
Así comeza unha relación que a rapaza pretende crer que é soamente sexual e de interese. Empeza mesmo a facerse pagar, como se fose unha prostituta, e leva diñeiro á casa. A nai e o irmán maior pretenden aproveitarse, ata que o pai do mozo chinés se entremete desaprobando a relación. Soamente moito máis tarde, a adolescente recoñecerá o seus propios sentimentos, a profundidade e a sinceridade do seu amor cara aquel mozo de ollos esquizados, porque non tiña a enerxía de amar máis alá do medo, e o seu pai non lle permitiu vivir a súa quenda, esa loucura de amor pola rapariga branca, convertida na muller que lle servía pracer ao amante de Cholén.
Quizais, malia algún salto temporal sen moito sentido o que provoca unha novela un pouco dislocada, o cero é que Marguerite Duras, escribiu un libro único que fala a través das pausas, a través dos pequenos cadros e secuencias, dos detalles e imaxes. O que pretende explicar nesa novela é a necesidade de contar, a obriga da escritura.
Autora atópase atada á narración para indagar en si mesma, para darlle unha ollada a súa personalidade de personaxe que se vai formando a través da canle da adolescencia. Moito máis que dunha historia de amor na vida dun adolescente, do que fala a autora é doutras cousas. En primeiro lugar do desexo de dar e de recibir amor grazas a un home “prohibido” naquel tempo por ser chinés, por ser rico, por non ser europeo. É a vontade de sentirse dona de si mesma e ao mesmo tempo unha nena. E todo o territorio de Indochina, as planicies de lama e arroz, a forza da auga do río Mekong que avanza sen pausa cara ao Pacífico.