NUNHA TÚNICA DE SOMBRA

Co carnaval chamando á porta ou en pleno apoxeo, cómpre lembrar a última publicación de Emilio Araúxo, Nunha túnica de sombra (fío a fío de vida felos), recentemente editada  en Amastra-N-Gallar. A súa achega deste ano a ese tesouro material e inmaterial da cultura de noso, que son os felos do val de Maceda. Hoxe en día, Emilio Araúxo é sen dúbida o máis grande etnógrafo da nosa etnia. Un etnógrafo documentado polo seu labor como fotógrafo.

Máis de media ducia de libros teñen recollido, ao longo dos anos, os miltempos dos homes e mulleres dedicados a labranza ou a troula da festa dos felos, dos entroidos. A vida e a poesía dos mundos dos felos, dos felos de Maceda, distintos, menos finos do que os peliqueiros de Laza ou Verín. Para o horizonte que esmorece ficará como tal o testemuño das voces de murmurio que compoñen o dicionario do Entroido de Laza.

Desta volta, con moitas imaxes e poucas palabras, rescata E. Araúxo do bacío abisal os felos de Maceda, que son os que lle deron ese saibo, á vez simbólico e lendario a miña infancia, porque vestirse de felo e correr polo bulleiro detrás da xente co  traxe e as chocas, alugadas nas aldeas da Serra de San Mamede, supuña ter que fuxir da garda civil. Neste libriño, E. Araúxo inmortaliza para sempre a carantoña (unha careta de madeira cunha lata cravada con figura de mítara e na que se pintan animais salvaxes), a curta chaqueta chea de botóns dourados, as chocas, peduradas dun cinto, as medias negras…) Eles coa morena e os farrumecos enchían de cor os entroidos das aldeas da comarca de  Maceda ou da Limia alta.

 

 

                      Felos de Maceda

 

Eran, e oxalá segan a ser unha reminiscencia, que non debería pasar aos señoritos, dos ritos agrarios dos nosos antergos. Un estralo de liberdade  (“Nos días de entroido no vale a garda civil nin nada”),  que vén moi de lonxe, das sociedades primitivas de Galicia. Neses días tiña cabida unha certa tolerancia na comida e nos costumes para darlle entrada á coresma. Nesta túnica de sombras na que tamén están presentes algúns dos nosos animais totémicos, paisaxes, casas erguidas con pedras e pelouros tan vellas como o mundo, Emilio Araúxo inmortaliza fío a fío a vida dos felos e das doces aldeas que tamén esmorecen.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela o día 24  de febreiro de 2020)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s