NOVELA DE DOADA LECTURA E BARATEIRA

Camiño de paixóns

Carlos Meixide

Editorial Galaxia, Vigo, 2019, 138 páxinas.

 

Estase a cumprir a premonición que no ano 1994 fixera X. González Millán de que, a partir de anos 1975, se multiplicaría a aparición de premios e concursos literarios. Unha das últimas confirmacións é o Premio de Novela Camiño de Santiago, obtido na súa primeira edición por Carlos Meixide coa novela Camiño de paixóns, convocado pola Academia . Detrás dalgúns hai xa unha longa tradición; outros fenecerán pronto, ou o tempo dirá se  consolidan ou non e estimulan a creación, ou acontece que a literatura galega está mergullada nunha inflación de premios, como tamén xa se afirmou hai abondos anos. Ou o que sucede é que hai poucos manuscritos premiables, por moito que os xurados falen da alta calidade das obras presentadas.. Todos os que temos participado en xurados literarios sabemos que esa non é a realidade.

Carlos Meixide, un popular autor de libros de aventuras atravesados polo humor, autocalifica  a súa novela como de entretemento  e evasión, vencellada á literatura pulp. De ser así Camiño de paixóns, estamos diante dunha narrativa de tipo  extravertido, centrada na acción mesma. Verbo da literatura pulp houbo e hai distintos estilos. Mais o que si é verídico é que a novela que comento, baséase no Camiño de Santiago,como resorte non para obter un certificado, senón para coñecer a natureza humana, ou como brincadeira de todo o que o rodea,  a “trapallada do Xacobeo”, cun intento de atentado internacional por medio.

Dúas mulleres, as dúas en crise matrimonial, comezan o Camiño en Piedrafita. Son Olalla e a xaponesa Hiromi. Fanse amigas e amantes. Ningunha ten moi claro  por que fai o Camiño. Intenta xustárselles Josema, que o fai por evasión, por ter lido o Peregrino a Compostela de Paulo Coello. Superan as inclemencias que van xurdindo no Camiño, á vez que se atopan co erotismo e con historias de alta intensidade macabra. Ata que a xaponesa perde o seu diario. E a partir de aquí comeza o que esta novela pode ter de pulp: a trama entra nunha fase cuxa única intención semella entreter e provocar sensacionalismo, neste caso co descubrimento de que Hiromi, experta química, forma parte de Seita da Verdade Suprema e que vén a Santiago para cumprir unha misión terrorista, semellante a do atentado do gas sarín no metro de Tokio en marzo de 1995, cometido polo grupo de Shoku Ashara. A novela remata co final desexado: con triunfo do amor.

 

 

                     Carlos Meixide

 

Carlos Meixide escribe unha novela que certamente serve para coñecer a natureza humana, e a súa trama daría un bo guión para unha película. Escritura lineal, de doada lectura, con altas doses de contido erótico, personaxes actuais, pero pouco más: un argumento que tira da lectura, pero mais ben barateiro.