FEAS NO CENTRO. ANÉCDOTAS QUE NON CADRAN

O páxaro de nácara

Pura Salceda

Editorial Galaxia, Vigo, 2019, 411 páxinas.

 

Pura Salceda, filla de emigrantes, naceu na cidade de México.Mais desde os tres anos reside en Barcelona. Escritora de amplo percorrido que se desenvolve en diversos xéneros e linguas. Debuta arestora na narrativa galega de formato longo con O paxaro de nácara, unha novela que dificilmente ocupará os lugares cimeiros da narrativa galega. Tampouco nos do ano no que andamos, porque, malia ser unha narración con múltiples facianas e participar por igual da novela amorosa e da novela de investigación -isto último soamente na parte final- semella máis unha novela costumista na que retrata a aldea de Feás, no Concello de Boborás, perdéndose no retrato dos veciños, nas relacións  cos chegados cada ano de México; reflectido, iso si, un mundo duro e hostil ao que estaban afeitas as xentes das aldeas, mais faino sen analizalo ni interpretalo criticamente. A novela achéganos centos de anécdotas que pouco tiran da atención lectora.

A novela comeza pola descrición da familia de Nélida, unha muller que estivera e está namorada de Elías, pero que non tivo azos para seguilo na emigración a México. Agora casada, co seu home, vive un amor desgastado. Nélida reside en Barcelona, mais retorna a Feás para asistir ao funeral da avoa Delmira. Alí atopa a Elías, o antigo amante que regresara de México, e axiña o amor renace entre eles.

Boa parte da novela ten como núcleo temático a Feás: as conversas e liortas entre veciños, as rivalidades que se prolongan en México, o sufrimento dunha emigración masiva soportada con tal de erguer na aldea os grandes chalés e exhibir coches de gama alta. Mais o relato pérdese en narrar anécdotas e conversas insignificantes.

Porén, pouco a pouco van xurdindo sospeitas sobre a morte dun tío de Nélida , Gonzalo, e o aforcamento de Nora. Nélida e Elías fedellan  en todo e, sen actuar como detectives, van enchendo moitas lagoas desas mortes matadas. A última parte da novela convértese así nunha historia de traizóns, mortes, amoríos, baixos instintos, abusos sexuais, mentiras, medias verdades…

 

                        Pura Salceda

É esta a única parte da novela que, na miña estima, tira da atención do lector. Pura Salceda sérvese dunha arquitectura construtiva esteada nos diálogos, diálogos quizais sobreabundantes na novela. O  papel do narrador omnisciente limítase case sempre a darlle voz os distintos personaxes, moitos deles prescindibles. Novela non só costumista, senón tamén epocal xa que nos amosa a evolución no rural galego. Mais pouco máis pode agardar o lector: un achegamento minucioso á aldea de Feás  e aos  modos de vida dos seus fillos en México.

(Publicado no xornal Faro de Vigo o día 24 de outubro de 3019)