Mnemea
José Duncan
Editorial Galaxia, Vigo, 2019,184 páxinas.
Xosé Duncan é especialista nos xéneros de fantasía e terror: relatos de misterio e arrepío como Contos Estraños, As Crónicas de Bran ou a distopía Negruña. Arestora publica Mnemea. A referencia a Mnemea débese a que na mitoloxía grega é a musa da creación, ocupábase en darlle forma concreta ás ideas illadas. Ela é a que lembra (Mnemea, si é a memoria) e deixa plasmado por escrito o que a súa irmá Meletea tiña matinado con anterioridade. Xa que logo, o mesmo rótulo da novela indícanos que se trata dun texto no que é importante a reflexión sobre a creación literaria. Non resulta doado atopar unha liña argumental nesta novela, porque no fondo, non é outra cousa que unha mestura de preocupacións literarias, de capacidades creativas, problemas de edición, con grandes mangados de fantasía, de mundos imaxinarios, coa presenza de Mnemea, algo de relacións humanas e, sobre todo, abondos materiais para polemizar sobre o mundo literario.
Un narrador omnisciente relata os problemas creativos, editoriais e mesmo sentimentais do pasado e do presente de catro personaxes: Lois Mourinho, Carla, Anna, escritora que fóra parella de Lois, e Sandra, editora. Lois Mourinho é un escritor de literatura fantástica en horas baixas. A novela intenta contarnos como Lois escribe a súa derradeira novela. El pon as ideas e Carla dálle forma, xurdindo así o problema da autoría, xa que Carla pasa por escribente, por “negra”, aínda que non lle guste ese papel. Ao longo do relato, o lector atopa moitas preguntas e reflexións sobre a fantasía que debe ser maxia inalcanzable, e sobre o lector que mantén o escritor nun espazo de confort. Reflexión asemade sobre os egos dos escritores, verbo dos certames e premios literarios que poden ser dirixidos para que o premiado sexa determinada persoa. Sobre certos editores que só ceden parte da carne a aqueles que son do seu círculo. Verbo do papel da literatura fantástica: segunda a musa Mnemea remover consciencias, acadar cotas que a narrativa seria nunca conseguirá.

Xosé Duncan
Coido que a novela provocará certo desazo a non ser nos seareiros da literatura fantástica, atenuado quizais no desenlace, nas relacións humanas entre varios personaxes e no suspense final. O interese desta novela para lectores afastados dese mundo fantástico e dos problemas da creación literaria, penso que será mínimo. Na miña opinión, estanse a editar produtos de deficiente calidade, tantos pola dúas grandes editoras olívicas como polos contratos de autoedición. E todo iso non favorece a literatura de noso.
(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 28 de setembro de 2019)