CALPURNIAS DE ARESTORA

Calpurnias

Mulleres poetas ourensáns. Escolma contemporánea

Coordinadora: Yolanda López

Editores: Pilar Fdez.-Pinedo e Arturo R. Camba

Editorial Cuestión de Belleza, Ourense, 2019, 189 páxinas.

 

Dez Calpurnias ourensáns. Ningunha delas identificable coa última parella de Xulio César, aquela que intentou convencelo de non ir ao Senado o día no que foi asasinado. Nin tampouco con ese xénero de especies fanerógamas. Elas son mulleres poetas ourensáns contemporáneas, de agora mesmo, que non roubaron ningún heterónimo colectivo, pero ás que, con bo tino a coordinadora da publicación, Yolanda López, asociounas co Calpurnia Abana Aeboso, a primeira muller da que se teñen datos de que figura na historia de Ourense.

Dez sobresaíntes poetas nadas en terras ourensáns, aínda que algunhas transterradas fóra d Galicia. Todas posuidoras dunha obra poética importante na que, parafraseando a Pilar Fernandez Pinedo e a Arturo R. Camba, editores deste selo con nome de Beleza, transforman a súa escrita en cánticos da música das palabras, recollen emocións sobre versos cotiáns, son fieis ao compromiso de expresar no ágora o máis íntimo que atesouran, o que máis lles queima por dentro. Fillas de augas quentes e frías, de pedra de granito; e posuidoras sobre todo desa maxia que converte as palabras en beleza da linguaxe, capaz de incendiar as nosas noites, no grande milagre do mundo.  Por veces, nas mareas dos humanos corazóns, como diría Manuel Antonio

Elas, dentro da terras ou emigrantes da nosa matria, non só homenaxean a lingua de noso; estírana, engrósana, fana millo mol ou toxo feroz. Son poetas ourensáns, quizais as máis coñecidas, mais non as únicas. Universos poéticos que miran esta terra, pero non están pechados ao do que acontece extramuros. E forman parte, xa que logo dese “río das  letras femininas que integran a nova xeración das Calpurnias do século XXI” (Yolanda López).

Na comuñón do seu canto, velaquí o rexistro desta escolma contemporánea que acende o lume lírico.

Alba Cid  (Ourense, 1989):  autora de varios poemarios e galardoada con premios, sobre todo en prosa. Ela arrola o Canon do Sil como ninguén antes o fixera. O río que só arrastraba ouro e os reflexos de toda unha lexión romana. Así canta o seu primeiro poema dos cinco recollidos nesta escolma, fortemente narrativos, algúns en varios momentos.

 

Rosa Enriquez

 

Rosa Enriquez ( A Rúa, Ourense): cunha ampla obra poética publicada, e moitas colaboracións en obras colectivas. Entre outras moitas sentencias, fainos saber que “a aniquilación ética ten o seu berce na ansia de vivir en paz no espazo chaguazoso” (páxina 30). Xuízo que comparto. Unha Calpurnia posuidora de grande fertilidade creativa. Con case  unha ducia de poemas nesta colectánea, varios deles en prosa, mais sen presumir de sabichona. Prefire poder silbar “cando liscaches”.

Yolanda López (Ourense, 1976): autora de nove poemarios publicados. Nove son  as achegas coas que contribúe a este reto editorial. Xa non sabe do medo como María Mariño, e ten conciencia de que “Unha agulla Strabó no mar courelán / tecía versos na miña pel” (páxina 53). Acredita na metamorfose dos corpos. E canta á fiandeira que foi pasado, máis segue sendo prólogo para moitas mulleres de arestora ou de mañá.

 

Arancha Nogueira

 

Arancha Nogueira (Ourense, 1989): Autora de sete libros de poesía e crítica literaria feminista en A Sega. Oito poemas nesta escolma con temas moi variados e   unha clara homenaxe ao mar, á “inmensidade do mar”, coa súa música infinda. Ela fitaba e o pais falaba de arroaces (páxina 64). Arroaces, marea e vento pero tamén homenaxe a unha nena linda, a muller amarrada a unha casa e ao sorriso dos devanceiros (páxina 64).

Rochi Nóvoa (Ourense 1975): Cunha ampla obra publicada tanto en solitario como en colectivos. É doado atopala, dinos a coordinadora, en recitais-denuncia en prol da terra, dos dereitos da muller, das cousas perdidas e inxustas, dos montes.E eses son algúns dos temas que poetiza, nos poemas escolmados aquí, co berro manifesto de que “Pequenos pintores non deixan dar / cor á esperanza. / musgo desintegrado / aumenta a polución / POR-VIR, PORVIR” (Páxina 81)

 

Celia Parra (Ourense, 1990): Especializada en videopoesía. Poeta a produtora, con sete obras publicadas. Con lembranzas das tardes de outono, as follas mortas, as rúas enchoupadas de swing, pro tamén con anceio e co goce do recendo trala choiva (páxina 95). E algunhas preguntas, inquéritos que se fai certamente orixinais: “Canta cota de pantalla / necesito para crer que te quero”( páxina 97).

 

 

Chus Pato

 

Chus Pato (Ourense, 1995): creadora de doce poemarios e gañadora de numerosos premios como o Nacional de Crítica Española. Pertence á Real Academia Galega. Na miña estima, a poeta máis coñecida desta escolma e unha das figuras máis relevantes da actual poesía galega e española. Poesía de resonancias míticas nos seus primeiros libros, con razón segundo Heriberto Bens a “séptima cabeza da cas de Hermenexildo” que fusiona o desexo de innovación expresiva, de preocupación social e política co culturalismo clasicita e coa conciencia de xénero, presentados sempre nun deseño de grande fondura estética e abondosamente terxiversado e críptico por veces. Poesía escrita en prosa con distintos tipos textuais e unha polifonía de voces. Achega Chus Pato a escolma varios poemas ou fragmentos. Como mostra escollo o comezo do primeiro deles: “Certo, é posíbel estar namorado dun obús / é posíbel  estar namorado da vulva dunha egua / e contemplar como devagar as vacas se envelenan. / É posíbel afirmar que o sexo dunha trincheira é máis longo / que o sexo da máis longa das serpentes….” (páxina 116)

Raida Rodrígez (Maside, Ourense, 1980): Tres libros publicados son a súa obra. Descoñezo os inéditos. Especialista nas raíces filosóficas da prosa poética do autor chinés Lu Xun. Poemas longos os seus. Penso que dous versos do seu poema.”reparto de tarefas” abondan para darnos conta da tonalidade da súa escrita poética: “revolución: erradicar todos os comezos / multiplicar os cortes até o infinito” (páxina 133). E outros dous para definir a súa autopoética: “a poesía sucede cando estoupan as palabras / (distorsionan, interrompen, crean interferencias, deveñen libres”)

Marina Sánchez: Filóloga especialista en dobraxe de dramatizacións e xornalista con relevantes traballos sobre figuras e personalidades da cultura. Aínda pouca obra poética publicada. Ser poeta para Marina Sánchez é ser unha nena que soña con ser poeta (páxina 156). Os seu máis íntimos devezos é “que ser cumpran os soños que o tempo ten enloitados” ( páxina 158).

 

 

Montse Villar

 

Montse Villar (Cortegada de Baños, Ourense): profesora, tradutora e poeta transterrada en Salamanca desde hai bastantes anos, mais ser perder nunca as raíces e o cordón umbilical con Galicia. A súa obra publicada é numerosa e varios dos seus libros están traducidos ao español e ao portugués. Se ben en boa parte da súa obra poética, Montse Villar é unha poeta e escritora galega Sería suficiente para nos convencer o seu último libro recentemente saído do forno en edición bilingüe,  Sulagar o soño.

Nalgúns dos seus poemas, lémbranos o paso do tempo: “No corpo hai algunhas estrías / que non me desacougan no verán” (páxina 157). Mais as súas grandes preocupacións son a situación do mundo: inmensas chairas convertidas en campos de refuxiados, a sorpresa das cousas, igualar as diferenzas (“Arrincarse  os trazos físicos que nos distinguen”, páxina 180), a semellanza, a vida e a morte.

 

Poemas de moi distintas tonalidades, “multiverso” escriben os editores. De gran calidade todos eles. Versos, poemas, estrofas que amosan máis unha vez que Galicia, xeración tras xeración, non soamente nada en mares de metáforas. E que a poesía que hoxe se escribe en Galicia, tan moderna e vangardista como a que máis, é un bo modo de resistir á triunfante ruína da cultura, mesmo ser ter que estar asentada nese mito fundacional de grande importancia -o celtismo-, a pesar de ser falso. As poetas ourensáns dos nosos días elixen outros camiños e as súas creacións non perden calidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s