UNHA NOVELA VERDADE

Nova Nursia

Héctor Cajaraville

Edición Xerais, Vigo, 2018, 343 páxinas

 

Nova Nursia, a última achega en narrativa de Héctor Cajaraville, é, desde o punto de vista literario, unha fusión de xéneros: biografía e ficción. Un amplo relato no que o autor toma licencias que rebordan o rigor histórico e que non renuncia a ser novela, subxénero do que o autor tira tanto a mecánica, a arquitectura construtiva, como unha manchea de recursos. Unha irrupción da realidade na ficción que xa ten carta de natureza no sistema literario galego e está a ampliar o concepto de novela ata desembocar na novela-verdade. Emporiso, Nova Nursia, o relato  sobre a vida de Frei Rosendo Salvado en Australia e a través dos seus longos periplos por Europa, máis que novela biográfica é biografía novelada, xa que na mesma posúen máis presenza os trazos biográficos do que o fan os narrativos. As bases biográficas verbo do frade bieito son reais, pero sobre elas o autor ergue un relato ficcional.

Esta novela-vedade estéase nas memorias que escribiu o mesmo Rosendo Salvado. O seu propósito é amosar e reivindicar a figura do frade bieito e o seu labor poliédrico, pouco e mal coñecido en Galicia, e case sempre para refungar do mesmo polo asunto dos eucaliptos, esquecendo que as sementes que Rosendo Salvado  enviou a Galicia, non foron as primeiras nin as únicas. Nado en Tui en 1814, optou coma os outros catro irmáns por facerse frade na Orde de San Bieito; e logo de moitos contratempos na súa formación, renuncia a vida de reclusión no mosteiro e marcha de misioneiro a Australia, un territorio apenas poboado e que empregaba o goberno inglés para se desfacer de moitos dos engaiolados nos cárceres da Illa. Rosendo, tras moitos atrancos e, funda a misión de Nova Nursia, convencido da necesidade que teñen os aborixes de seren parte do mato que lles deu acubillo e sustento desde que teñen memoria. Antes que adoutrinar, a prioridade do frade bieito -nomeado tamén bispo dos salvaxes- será darlles alimento e defendelos fronte aos atropelos dos europeos.

Se algún mérito ten o labor de Salvado é o de ser afacer ao estilo de vida dos aborixes: aprende as dúas linguas que empregaban os nativos, foi un experto curandeiro, adopta a cultura da xente que lle rodea, viaxa a Europa para obter  novos cooperadores e axudas económicas. Todo o que matiza e realiza faino a prol dos “salvaxes”, defendendo sempre a prioridade de alimentar antes que adoutrinar.

 

Héctor Cajaraville

Héctor Cajaraville ergue a novela desde una perspectiva reivindicativa do personaxe, e estea a súa escrita nunha estrutura dual: alternan as secuencias onde un narrador en terceira persoa informa dos comezos, progresos e dificultades na creación de Nova Nursia, con outras nas que o protagonista escribe a un seu amigo da infancia, Domingos Pires, misivas nas que describe as súas preocupacións e angueiras, así como as crenzas e costumes dos poboadores do mato. Estas e outras moitas engádegas que achega o autor, converten este libro biográfico e reivindicativo nun engaiolante relato de aventuras arredor dun heroe: Rosendo Salvado, bispo dos “salvaxes”.

(Texto publicado na revista Tempos Novos, número 259 de decembro 2018)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s