HEROES MALIA SEREN DERROTADOS

O exército de fume

Manuel Gago

Edicións Xerais, Vigo, 2018, 447 páxinas

 

   O exército de fume é a segunda incursión de Manuel Gago na ficción galega. Unha novela de longo alento e quizais tamén longa de máis e cun título certamente intrigante e enigmático cuxo verdadeiro significado descubrirá o lector no remate da mesma; e que forma parte dun proxecto refundador desa caste de novela que ganduxa, e non de xeito provisional, realidades históricas,lendas e ficción. Unha novela de guerra, espías e accións trepidantes, e que nun país no que nunca se fixo xustiza cos que se rebelaron, cos torturadores e asasinos, cos que cooperaron, cos que cooperaron co nazismos, cos que deron a súa vida pola liberdade, cumpre, xunto con outras, ese papel. É unha das funcións da literatura: non cambiar o mundo, mais si combater o conformismo e facer imposible a desmemoria. O exército de fume faino dun xeito sobranceiro, sobre todo porque permite que saian á luz, con esa mestura de historia e ficción, moitos acontecementos do noso pasado franquista.

O pulo temático central da novela é a resistencia e a loita antifascista neste recuncho peninsular, o rescate do mundo da resistencia armada e daqueloutra que, sen armas, soamente con transmitir o que ve, tamén loitou contra a presenza dos nazis en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial: control das minas de volframio, as torres de comunicación e algún aeroporto agochado instalados no interior, o espionaxe e a organización que o nazismo argallou en Galicia e nomeadamente o abastecemento de combustible e as reparacións dos submarinos U-Boot que recibían ou atopaban nos peiraos galegos. E arredor dese centro temático, varias fías narrativas, representadas por tres personaxes principais e cunha manchea de outros secundarios, así como pezas episódicas de menor entidade. Celia, unha mociña cándida, mestra nunha aldea da Costa da Morte, da que ninguén desconfía, pero á que a chegada de tres avións alemáns lle farán cambiar a súa vida ata converterse en espía a petición do seu pais. O mundo da resistencia armada en Galicia, o movemento guerrilleiro galego, representado sobre todo polo personaxe Ramallo; e as súas desavinzas internas, escasamente axudados polas potencias aliadas. Eles e elas formaron o exército cuxo fume se esvaeceu da nosa memoria histórica, reivindicado, porén, nesta novela: foron os heroes malia ser derrotados. O protagonista da terceira tesela é o retratista do océano, Urbano Lugris, un personaxe que non é de ficción que tivo que facer moitas cousas para sobrevivir, pinturas alleas aos seus universos soñados, e ao que na ficción os alemáns contratan para que pinte un mural cunha panorámica de Vigo, como agradecemento á cidade. Todos eles e outros personaxes históricos ou inventados mais esteados en persoas reais, co seu vivir cotián ou coa súa épica, conforman un grande mosaico do que foi a presenza do nazismos en Galicia e da loita de personaxes míticos, loitadores desde as marxes, que recibiron, porén o apoio discreto de labregos e mariñeiros.

 

Manuel Gago

Manuel Gago artella unha novela de calidade e á vez popular. Ese é o punto de mira que plana sobre unha estrutura non lineal, con alternancia de secuencias que dan conta da vida, da épica e do abafo dos distintos actantes, todos eles rectilíneos: non evolucionan agás a mestra moza da Costa da Morte. Outro engado da novela é un estilo de lingua forte e epopeico por veces, co emprego dunha ricaz terminoloxía e un ritmo “in crescendo” que no desenlace converte esta peza nun thríller rebordante de intriga e suspense.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 11 de outubro de 2018)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s