DOR E ESGAZADURAS. A NORA DO TERROR E DA INFAMIA

Lapis na noite

Ramón Nicolás

Edicións Xerais, Vigo, 2018, 191 páxinas.

 

É sen dúbida un fenómeno universal que atinxe a todos os países, pero que o viven principalmente as mulleres e homes, por veces tamén os cativos, nos que a ditaduras teñen masacrado, torturado, asasinado os supostos disidentes. Cando a memoria histórica, a verdade dos asasinatos, dos crimes de lesa humanidade fica agochada por unha capa de impunidade, e as instancias xudiciais non actúan por mor da conivencia cos réximes políticos e ignominiosas  amnistías, é a literatura a que, con pezas de ficción baseadas en feitos reais, saca á luz do día toda a inmundicia das cloacas, as torturas, secuestros e asasinatos que acabaron coa vida de miles de vítimas. É o que vén de facer, cunha boa novela, Lapis na noite, o crítico e estudoso da literatura galega, Ramón Nicolás que, nesta volta traballa deste lado do espello.

Unha peza narrativa abondosamente documentada, axeitadamente ficcional malia estearse en feitos reais, e intensamente dramática. Novela de rachaduras, de fortaleza, carraxe, amor, medo e moita valentía, alicerzada como punto de partida, no exilio de tantos galegos durante a ditadura franquista, entre eles un dos protagonistas do relato, Ramiro Marín, que atoparon na Arxentina un fogar de acollida. E na coñecida como “A noite dos lapis”, unha sucesión de secuestros e asasinatos de estudantes de secundaria, acontecidos durante a noite do 16 de setembro de 1976 e nos días posteriores na cidade de La Plata; un dos feitos máis macabros da represión cometidos pola ditadura militar arxentina (1976-1983), xa que a meirande parte dos desaparecidos eran rapaces e rapazas menores de dezaoito anos que foron torturados e posteriormente asasinados. A súa culpa: ter reclamado o boleto de autobús con desconto estudantil.

E á par deste relato de terror e de infamia, unha historia de esgazaduras e de moita dor, a de Ramiro Marín, veciño de Covelo, fuxido a Arxentina no ano 1959, que sutura na súa persoa e na súa traxedia a represión da ditadura franquista, a noite dos  lapis e moitos outros episodios noxentos da ditadura arxentina. Xa que logo, dúas fías narrativas e un personaxe que actúa de testemuña, Lucía, unha profesora que forma parte dunha delegación cultural galega que viaxa a Buenos Aires e que aproveita para furgar e resolver a incógnita familiar do afastamento de Ramiro, irmán do seu pai. Un narrador en terceira persoa dá conta da estratexia do terror, focalizada no secuestro de dez adolescentes e no asasinato da maioría deles, feitos que forman parte da historia máis negra de Arxentina.

 

Ramón Nicolás

Polas ben documentadas páxinas da novela corre boa parte do que foi a presenza galega en Buenos Aires: os faladoiros do Terzo da Fala, San Telmo, o barrio dos galegos por excelencia, o asubío doa afiadores, os almaceneiros, onde atoparon traballos moitos galegos emigrados. Eles forman o que autor atinadamente chama o río subterráneo que conformaron os galegos que pasaron por Buenos Aires. Ramón Nicolás, empregando un estilo de prosa claro e conciso, achéganos con acuidade os obxectivos dos represores: o control da educación, un proxecto milimetrado perfectamente polas Xuntas Militares; unha visión dos territorios do terror, un verdadeiro paradigma do terrorismos de Estado. A violencia máis perversa, a barbarie xenocida. E sobre todo, a  esixencia de reparación, non de reconciliación. E entre tanta negrura, o rosear da xacarandá que lembrará e homenaxeará á filla de Ramiro, unha das líderes  dos Estudantes Secundarios, vítima das gadoupas da barbarie.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 13 de setembro de 2018)

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s