UN RELATO AUTOBIOGRÁFICO DE CONRAD

A liña de sombra

Joseph Conrad

Tradución de Benigno Fernández Salgado e Isabel Iglesias Francos

Ir Indo Edicións, Vigo, 161 páxinas

(Libros de sempre)

 

The Shadow-Line traducida no seu día ao galego por Benigno Fernández Salgado e  Ana Iglesias Francos para a Editorial Ir Indo, é seguramente a novela máis autobiográfica de Joseph Conrad. O escritor polaco que non empezou a escribir seriamente ata pasados os trinta anos e nunha lingua que no era a súa e que aprendera de forma autodidacta, inicia este pequeno relato a finais do ano 1914 e remátao no mes de marzo de 1915. Apareceu publicado primeiramente nunha revista en 1916 e, ao ano seguinte, ve a luz nun volume independente da man dunha editora londinense.

A liña de sombra é, como dicía, un relato biográfico que dá conta das experiencias marítimas máis dramáticas da vida do autor. Pertencente  á aristocracia rural polaca, pero enmeigado pola paixón das viaxes e aventuras, Conrad consegue entrar na mariñería con tan só dezasete anos en Francia, pasando catro anos máis tarde a Inglaterra. Grazas as súas viaxes por todo Extremo Oriente, foi ascendendo paseniñamente ata chegar a capitán e, sobre todo, enchendo os arquivos da súa memoria de materiais e experiencias vitais, moitas delas reflectidas nas grandes novelas do seu primeiro período: O Negro do Narcissus, Tifón, Lord Jim, O corazón da escuridade.

A liña de sombra,  se ben non foi redactada ata 1915, inscríbese entre os textos desta primeira etapa; e na mesma o mestre da “narración indirecta” relata un dos derradeiros episodios marítimos  da súa vida, acontecido en 1888. Enfastiado da existencia monótona que lle proporciona a súa condición como segundo do Vidar e decatándose de que estaba a piques de cruzar a “liña de sombra”, esa fronteira que separa a xuventude da idade madura, e desexoso ao mesmo tempo de aventuras e experiencias novidosas, abandona  o seu posto no barco aproveitando unha escala en Singapur, e sen ter idea do que ía facer despois. O destino, porén, quixo que aos poucos días se lle confiase o mando do Otago, unha bricbarca ancorada naqueles intres en Bankok, e acostumada a navegar polos mares meridionais da China.

No relato, Conrad narra todas as peripecias que o levaron a facerse co posto de capitán do veleiro e a odisea de guialo no máis grande dos calmazos e cunha tripulación enferma de malaria, ata o seu primeiro destino, navegando por rexións de terras fragmentadas, brisas lixeiras e augas estancadas do golfo de Sian. Logo de vinte e un días dunha lenta e agoniante destrución, chegan a Singapur con toda a tripulación adoecida pola febre.

Conrad é un dos pais da alta literatura de aventuras, e como tal ten partidarios incondicionais -un deles foi Virginia Woolf, a máxima mestra do axuste estilístico na literatura inglesa-, que saben ao que se arriscan coa lectura das súas novelas. O mar e as aventuras mariñas  acadan en Conrad unha representación engaiolante, ateigada de riscos e de emocións. Á vez, achéganos unha galería de tipos humanos, ambientes e situacións descritos coa forza e coa propiedade que soamente podería provir da pluma de quen as tivese vivido en carne propia.

Con todo, para alén da trama argumental, Conrad mergúllase con extraordinaria  sensibilidade e rigor analítico nas rexións máis fondas e escuras da condición humana, facendo que, moito máis que coa aventura exterior, o lector se deixe atrapar pola interior: o proceso que se desenvolve de portas adentro dos personaxes, as reccións e experiencias  humanas, os males da alma. Precisamente todo aquilo que, a xuízo de J. Jameson, converte a literatura de Conrad en inclasificable, aboiada nun lugar incerto entre Stevenson e Proust.

Todo isto é o que vai atoar o lector de A liña de sombra. Malia tratarse dun relato de feitos reais, aos que o autor en xeral é fiel, Conrad envolve a súa narración dentro dunha atmosfera atormentada, impresión multiplicada polo calmazo da mar que inmobiliza o navío e polos progresos inflexibles da malaria.

 

Joseph Conrad

 

Unha escrita por veces abstracta, tesa, moi analítica que chega a abafarnos, e a teima do autor de pór por diante os xuízos e conceptos verbo dos personaxes, antes de deixalos actuar, dificulta por veces a lectura de A liña de sombra, nomeadamente nos dous primeiros capítulos que corresponden a unha terceira parte do libro. Nestas sesenta primeiras páxinas, a lentitude, o detallismo descritivo, a análise minuciosa das persoas e das súas reacción, chegan, na miña estima, a enfastiar a vontade lectora máis forte. O libro comeza a engaiolarnos de veras desde o intre no que o narrador protagonista toma posesión do mando do Otago, e dá comezo o seu periplo por un mar no que, en vez de liberdade, só se atopa calma e febre. No horizonte e como arquetipo O Holandés Errante nos mares de China. Un barco á deriva por augas tranquilas con toda a tripulación agonizando lentamente sobre a cuberta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s