NAS GADOUPAS DO AZAR

Na maleta

Xurxo Borrazás

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 217 páxinas

(Libros de fondo)

 Malia que Na maleta é unha novela de lectura doada que chega moi ben a quen se atreve a lela, non resulta fácil  dar conta do núcleo diexético e da idea central que dirixen os fíos cos que Xurxo Borrazás (Carballo, 1963) ganduxa esta novela publicada no ano 2000, editada no seu día por Sotelo Blanco, xunto cun caderno non venal no que Inmaculada Otero estuda a narrativa do escritor, con especial atención a dúas das súas novelas anteriores, Criminal e Eu é. Todo iso debido ás especiais querenzas narrativas de Borrazás: un creador moi ambicioso, moi minucioso -non son óbice as declaracións do autor nas que manifesta ter escrito esta novela dunha tirada-, vangardista (paradigma da estética posmoderna máis transgresora, como ven definido en Wikipedia), verbalmente minimalista, que pescuda o fragmentarismo e que acostuma ateigar as súas novelas de referencias culturais.

Consecuencias desas teimas narrativas, son algúns dos trazos  que se acostuma a catalogar como propios da posmodernidade, tales como a carnavalización, a ironía, o relativismo, a irrepresentabilidade. Con todo, e tendo en conta ademais o feito de que o autor nunca se presenta aos certames literarios, fuxe do pequeno carrusel mediático que xa leva anos botando raíces  no sistema literario galego, e non acredita “na gran novela galega”, as obras de Xurxo Borrazás (Cabeza de chorlito, Criminal, Eu é, Contos malvados, Ser ou non) acostuman ter o aval daqueles lectores que na súa escrita contemplan a obra dun creador preocupado pola trama, polas historias que se destilan das experiencias vitais dos seus personaxes. Non en van, unha novela súa, Criminal, mereceu no ano 1994 o Premio da Crítica Española e o Premio San Clemente outorgado polos estudantes dos institutos galegos, e non polo quiñón das lecturas obrigatorias. No presente caso, a novela de Borrazás é un traballo narrativo, á vez complexo no referente ás mensaxes, teses ou ideas directrices que agocha o seu argumento, e ao mesmo tempo moi simple desde a perspectiva puramente formal.

O núcleo diexético da novela érguese arredor dunha viaxe, unha constante no rexistro narrativo do autor. Unha novela de itinerancia na que se ven pillados os dous principais personaxes da fabulación, tan do común coma os seus propios nomes. Pepe e Carme forman unha parella con moitos anos de noivado; son curmáns ao comezo da narración, e moito máis ao seu remate. El traballa para unha empresa que remunera de xeito espléndido o seu traballo delirante a  cambio de obediencia mental. Ela exerce de mestra nun lugar afastado no Courel. A trama dispárase no intre no que el atopa casualmente unha maleta acugulada de cartos. Desde ese instante, o relato convértese nunha fuxida-busca polo labirinto das serras do Courel. Primeiro o personaxe masculino, máis tarde a parella ao completo foxen cara a ningures; a primeira vista polo medos aos cartos, aterrados polo golpe de sorte que eles interpretan como unha verdadeira maldición.

Os dous personaxes, verdadeiros antiheroes, non son capaces de encadrar nas súas vidas un cambio de fortuna tan serio como azaroso e, cando atopan a maleta con millóns, coa mesma descobren a sensación de culpa. Ao final, monicreques nas gadoupas do azar imponderable, decátanse de que a súa escapada non serve de nada; e un remate do relato triste e impecable fainos pasar dos soños dos mares do sur ao realismo cotián do barrio de Teis, “unha merda colgada dun pao”.

Xa que logo, a tese máis salientable que se agocha baixo a trama novelesca de Na maleta, é, sen dúbida, a idea do azar e da casualidade como administradores das accións dos seres humanos. Endalí que Na maleta, como en xeral todas as novelas de Xurxo Borrazás, son textos que obrigan a pensar, a botar unha ollada, escéptica seguramente, sobre a condición humana en todas as circunstancias que nas sociedades modernas tentan determinala.

Verbo da forma, Na maleta é un traballo narrativo que se parece pouco ás anteriores pezas ficcionais de Borrazás. Unha novela centrada basicamente nos personaxes, no que eles pensan, din ou realizan. É moi probable, na miña estima, que a historia de Na maleta xurdise a partir da invención dos seus personaxes principais.

 

Xurxo Borrazás

Na elaboración do texto, o autor espiu o relato de todo aquilo que puidese estorbar a atención do lector. Así pois, na novela non atopamos xogos metaliterarios nin pluridiscursivos, nin esa armazón, por veces impenetrable, de referencias culturais que izaban a obra narrativa anterior do escritor. O autor concentra a súa atención unicamente no ritmo narrativo que se acelera incesantemente por medio dunha estratexia narrativa baseada no diálogo e nunha linguaxe minimalista que elude as frases longas e complexas. As frecuentes mesturas de soño e de realidade, sen que por veces se saiba claramente onde se atopan os linden entre ambos, e o emprego de certos símbolos, entre eles o molete de pan que temos que aprender a comezalo e que, dalgunha maneira, equivalen a alicerces da propia existencia, non supoñen, porén, ningunha contradición desta escrita simplificada á mantenta que procura efectivamente ese estilo “desprovisto e incerto” (autopropiación que fai o protagonista dunha novela anterior do escritor), empregada como vestimenta dunha historia de personaxes perdidos e perdedores nas poutas do azar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s