RELATOS DESIGUAIS. POR MUNDOS DE ABRAIO

Bonus Track

Rosalía Fernández Rial

Editorial Galaxia, Vigo, 2018, 162 páginas.

    

   Bonus Track é o título da estrea na narrativa de Rosalía Fernández Rial cunha obra en solitario. Unha escritora que, ata o de agora, ten cultivado primordialmente a poesía, con algunha incursión no eido do ensaio. Un debut no que a autora se decantou  polo relato de mediana extensión. O título da colectánea  indica, xa desde a entrada, que a música, as letras das cancións, actúan nestes relatos como elemento que amalgama a moitos deles, e como fío condutor  das súas tramas narrativas.

Alude ademais a algo importante para a escritora: cando na existencia semella que xa nada cómpre agardar pero, de xeito inesperado, aparece ese bonus track, esa pista adicional que nos permite recuperar a derradeira posibilidade ou esperanza. Rosalía Fernández Rial aventúrase, xa que logo, por primeira vez nas augas rápidas e de curto calado do subxénero do relato curto, no que, recoñecendo que o habitat natural das escritoras profesionais é o terreo da ficción, literaturiza temáticas moi diversas, se ben tiradas todas elas da vida cotiá de hoxe en día.

Nas mesmas, o lector atopará moito alcohol, raias, maría, traficantes, tipos celosos, unha espelida carterista, infieis, transexuais, resacas, inutilidades funcionais, a precariedade laboral, a violencia no seo familiar vista desde os ollos dunha nena…

Aínda que bastante desiguais na súa gordura diexética, os vinte e dous contos que se compilan no volume, son na súa meirande parte historias con nó, con nervadura, nos que a autora é capaz de crear mundos sorpresivos, abraiantes e inesperados. Outros, moito máis febles, carentes da suficiente substancia e de potencia fabuladora, incapaces de rebentar a indiferenza lectora. Saliento algúns dos que máis me chamaron a atención: “Só tambor”, un relato contra a xenofobia; a vítima dunha agresión racista lembra a pelexa que tivo contra uns salvaxes galegos, mentres na súa cabeza retumba o son do tambor da súa orixe; “S.O.S”, un relato no que, tomando como fío condutor a Manuel Antonio, dous tipos fanse amantes grazas á filosofía poética e a poética filosófica; “Oe como vai?”: a muller maltratada que foxe do seu verdugo no bus urbano e libérase da escravitude axudada pola empatía dunha cubana e o libro El reino de este mundo de Alejo Carpentir; “Amalia Spray ou Lili Marleen”: a biografía sentimental dunha moza graffiteira que a pinta nos muros da cidade, tan amante do pracer do sexo como do risco; “Bailando as rúas”: o pulso invencible da potencia coral dunha manda de cativas para salvar dos matóns á nena lobo; “A máis linda”: o agasallo materno da corda para que a filla xogue, convertida en látego polo pai para golpear á nai.

 

Rosalía Fernández Rial

Relatos en xeral bastante narrativos, pero que pretenden reproducir sensacións e reaccións internas dos protagonistas máis ca unha torrenteira de accións e acontecementos. Esta forma de narrar ten que se acubillar por forza nunha prosa concentrada, de frases breves, con abundancia de elipses, xa que este subxénero, se por algo se caracteriza, é por non obviar as cousas, narradas con palabras xustas e esixíndolle ao lector que encha o elidido. Habitados pola música que é, sen dúbida, a grande tecelá destas historias, máis que as derradeiras esperanzas que agroman nalgúns desenlaces, pero están ausentes noutros. Textos ateigados, por veces en demasía, de letras de cancións, un trazo, porén, coherente co título do libro. Unha prosa enramada  en primores líricos sérvelle de apropiado atavío a esta ampla colectánea de relatos breves de desigual calidade

(Texto publicado o día 19 de abril de 2018 no xornal Faro de Vigo)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s