A LOITA DAS DE ABAIXO

O xardineiro dos ingleses
Marcos Calveiro
Editorial Galaxia, Vigo, 2017, 440 páxinas.

Marcos Calveiro que, como narrador para adultos nos tiña acostumado con novelas da chamada narrativa histórica, en O xardineiro dos ingleses cambia de rexistro e achégalle ao lectorado galego unha novela social e política na que homenaxea á xente do común, nomeadamente a elas, ás lavandeiras de Vilagarcía, e a súa loita, a loita dos e das de abaixo. Nunha novela na que desenvolve varias tramas, o autor a través dun documentado percorrido pola localidade rende homenaxe á vila que o viu nacer, recuperando en clave ficcional boa parte da súa historia ao longo da primeira metade do pasado século. Constrúe así un inmenso friso literario, unha novela polifónica e coral que recrea con fina textura os fíos vitais de personaxes singulares que se distinguiron pola súa inhumana crueldade, e outros, os do común, as vítimas inmoladas ou esquecidas.
Alternando pasado e presente, a novela comeza cando o narrador Modesto Filgueira profana un cemiterio en Rubiáns, o Cemiterio Naval Inglés. Nese camposanto atopa unha tumba anónima, a número 1. Ese achado será o detonante da novela. Desentrañar o misterio dese sartego e recuperar as vidas de Delia Cores e do seu fillo Edelmiro, o coidador do camposanto durante moitas décadas. O narrador faino manexando varias tramas nas que presenta a chegada das armadas inglesa e alemá á Arousa Bay pouco antes da Gran Guerra; a relación dos mariñeiros, un inglés e outro alemán, con Delia Cores, unha moza da contorna, as leas e tirapuxas dos servizos de espionaxe das dúas potencias, o nacemento de Edelmiro, froito da paixón amorosa de Delia e o mariñeiro inglés.

Marcos Calveiro

Finalmente dúas longas secuencias na que a trama se focaliza “no tempo dos vencidos”: na infamia e barbarie fascista, na morte que estragou Vilagarcía, cegándose nos más humildes, nos de abaixo. Entremedias, múltiples referencias a personaxes históricos que viviran ou estiveran en Vilagarcia, entre eles, Lorca e La Barraca, que converten esta peza de Marcos Calveiro na novela de Vilagarcía.
Mais sobre todo a novela destapa non só a barbarie falanxista que se fixo dona da vila, senón moitos episodios de altruísmo, camaradería, aldraxes e vinganzas dos que son actantes os más humildes, a Vilagarcía doente. Elas e les son os verdadeiros protagonistas da vida da vila e do romance de Marcos Calveiro. Sobre eles, a Vilagarcía dos acomodados e das madamas, as dos fachendosos falanxistas donos de vidas e corpos. O autor recupera desde a ficción, sobre todo a historia deses perdedores, e ficcionaliza o feito da súa vinganza inexorable porque non había outra forma de facer xustiza. É entón cando o estilo dunha prosa coidada mais sinxela estoura en brincos épicos que nos achegan á epopea das lavandeiras do río Con, mulleres insignificantes, afoutas na súa desgraza. Xa que logo, unha nova novela do martiroloxio galego, publicada abondos anos despois da aprobación da lei da Memoria Historica, sen que se teña feito xustiza. Son a literatura e a historia as que cumpren con esa tarefa.

(Texto publicado no suplemento ProTexta da revista Tempos Novos, en marzo de 2018)