Dous agasallos de Xosé Vázquez Pintor

Bicos

Xosé Vázquez Pintor

Edicións Fervenza, Silleda, 2016,74 páxinas.

 

Meses de tullas cheas foron os derradeiros de 2016 para Xosé Vázquez Pintor. Dous meirós literarios -“libros desta xeira de morriña”, así os nomea o autor-  que saíron, galanos dos prelos de Edicións Fervenza: Bicos e Nos espazos  do soño. Os dous, alfaias da escrita e das artes plásticas e musicais.

Bicos é o froito dun namoramento profundo dos netos xemelgos, Alan e Brais, aos que o autor dedica o libro, e que vén rotulado con esa gorentosa palabra, Bicos, porque “os bicos son o primeiro que se dá ou que se pide cando hai Amor”.

Xosé Vázquez Pintor é autor dun ricaz universo poético forxado desde o seu debut nos eidos líricos con Gándaras (1971), e arestora a súa “ousadía de vellote” -de novo palabras súas- achéganos ao mester máis difícil: a poesía para nenos e nenas que tamén poden gorentar con gozo e fruición todos aqueles e aquelas que gustan de poesía. Trinta e tres poemas escritos en clave infantil, que queren ser a “Casiña da Memoria…para a infancia e para todos os públicos que aínda soñan cos bocadiños das palabras e das imaxes”. Poemas ateigados de música, ritmo, colorido e sobre todo amor, cos que Xosé Vázquez Pintor percorre quizais a súa memoria infantil, e sobre todo a vida e a terra de noso. Desvela Xosé Vázquez Pintor para nenas e nenos moitas das cousas e dos seres que nos rodean ou que abrollan no mundo dos soños e das fantasías, e que, para os máis pequenos,  se revelan co abraio e o encantamento do estraño e misterioso: as realidades familiares ou pertencentes ao vivir cotián como a casiña, o cole, a tele, o barco…; os animais domésticos e aqueloutros que poboan e ornan o noso mundo: o cabalo, a vaca, o rato, a pulga, a troita, o lobo o ourizocacho, o paxariño señorito… Os xogos da infancia:  a billarda, o peón, a parafita. Os obxectos que conforman a vida: o semáforo, o stop, o avión… Os fenómenos atmosféricos ou o tempo da noite que, pola súa brevidade e delicada ensoñación reproduzo con pracer: “Vai a noite paseniño  / abrindo estrelas garridas / para que a Terra no soño / acorde na romaría / da maré batendo as ondas / namoradas con preguiza. / E eu estou sorrindo ao mundo / do Mencer e maila Risa” (páxina 33).

Non falta nesta amalgama de fermosura e dozura unha lembranza de Balbino. Un poema de xorne reivindicativo contra a deserción da vida e o desamor á aldea.

Un libro senlleiro tamén polas imaxes coas que vinte e un ilustradores e ilustradoras enchen de colorido as páxinas desta pequena pero intensa e fermosa regalía autorial e editorial.

 

 

Nos espazos do soño

Diálogos de Amor e Amigo

Xosé Vázquez Pintor

Música de Gaël Camacho e Tomás Camacho

Edicións Fervenza, Silleda, 2016, 95 páxinas.

 

Con Nos espazos do soño. Diálogos de Amor e Amigo regresa Xosé Vázquez Pintor a unha das súas paixóns da que nunca claudicou: o teatro. Creador e director, no ano 1981, de Ancoradoiro o primeiro grupo de pantomima, promoveu polas aldeas e vilas galegas o Teatro de Noso como a el lle gusta escribir.

Nos espazos do soño é un venturoso encontro das palabras do teatro, da autoría de Xosé Vázquez Pintor, e da música composta por Gaël Camacho e Tomás Camacho que foi o que “remexeu nas artesas” para que renacesen as verbas do teatro. Glauca, Lía e André forman o “Dramatis personae” desta singular peza teatral en catro actos que nos permite regresar ao mundo dos segreis, das soldadeiras, aos tempos do Medievo, Renacemento, Barroco e Romanticismo. Ás Cantigas de Amigo; á Italia do século XVI, da que chega música arrincada dos espazos do Duomo, Ufizzi, Palazzo Vecchio; á simboloxía rechamante do Barroco; ao castelo da Guarda, onde de novo se escoitan as voces de Xohán Airas na escrita vicaria de Xosé Vázquez Pintor, recreando diálogos de Amor e Amigo.

Peza singular que sutura a delicadeza atemporal das súas palabras e o acompañamento musical das partituras que tamén recrean o tempo. Unha belida e deleitosa simbiose que ningunha palabra miña pode describir mellor do que estas palabras de Xosé Vázquez Pintor coas que fecha a presentación desta ensoñación ateigada de morriña: “Agora achéganme as voces do tempo, para que todo cumpra alén e namoremos co texto da ousadía que nos conta e canta. E medra así a xeografía do soño e do cariño: xorde a Música, bulen as maus, repenican os dedos,  a guitarra vén e bica o tempo, paseniño; convoca as vidas e as palabras que son terramar de noso. E axiña acorda e interpreta a Luz dos Séculos.

Aquí, con nós, na antiga e nova Gallaecia: A Nosa Lingua. Sermos felices”