Iceberg Castelao

o-encargo-do-senor-castelaoO encargo do señor Castelao

Luís Rei Núñez

Edicións Xerais, Vigo, 2016, 319 páxinas

 Non é allea a narrativa galega á tendencia de moitos escritores que, nos últimos decenios do pasado século e no que levamos do presente, novelan a novelistas e, en xeral, a personaxes reais con intereses intelectuais ou artísticos. Incontables libros, produtos do ecléctico experimentalismo, da era posmoderna, están dinamitando os lindes entre realidade e ficción, convertendo a escritores, intelectuais ou artistas en personaxes protagónicos de moitas novelas. Seguramente o escritor que máis ten traballado esta clase de novela en Galicia é Luís Rei Núñez, cultivador afouto da novela testemuño, chamada tamén non ficción ou Novo Xornalismo que non só é transcrición de feitos, senón que tamén establece unha relación entre ficción e o real. Fíxoo coa figura do pintor e escrito Urbano Lugrís en O señor Lugrís e a negra sombra e volve facelo arestora en O encargo do señor Castelao, un relato complexo e moi ricaz que pretende ser un episodio nacional galego capaz de reunir dúas traxectorias, ás que a posteridade lles deparou tratamentos ben desiguais: Castelao, o pai da nación e Gómez Gayoso, “anxo escuro”, pasado pola armas dos franquistas na posguerra, que soamente entrou “no tempo das honras póstumas da lenda”.

A novela achéganos á figura dun Daniel Castelao que, ademais de artista, escritor e político, é sobre todo persoa. Reconstrúe, acompañándoo desde  a ficción, a súa vida, humanizándoo na enfermidade -a novela abre cunha lobotomía practicada a Castelao en Bos Aires para calmarlle a dor do cancro que lle invadira tamén o seu rostro- e noutras doenzas máis vergoñosas coma un proceso luético, consecuencia do rendemento dese señor de moral estrita aos encantos dunha canzonetista, mentres Virxinia, a súa dona, coidaba do fillo na montaña.

Salienta, sobre todo, a fundación do Partido Galeguista con Alexandre Bóveda e o propio Castelao,  a amizade entre os dous, a defenda do Estatuto, o fusilamento de Bóveda polo sublevados fascistas pola defensa do mesmo. Unha execución que mortificará a Castelao durante toda a súa vida. A derrota e a deleiba de Galicia converten a Castelao no vagabundo dunha causa perdida por medio mundo e especialmente en Bos Aires onde é o apóstolo do galeguismo, no gran guieiro exiliado.

A narración cobra especial interese co encontro na capital arxentina con José Gómez Gayoso que lle di a Castelao que a culpa de inxusta morte de Bóveda non pode morrer solteira e lle propón administrar xustiza co nome que lle dea Castelao que, porén, pensa que a única vinganza decente é a que se substancia nos tribunais de xustiza. Mais á fin mete un nome  nun sobre e, a través de Santiago Carrillo, farao chegar a Gomez Gayoso.

 

Luís Rei Núñez

Luís Rei Núñez

Luís Rei, como xa fixera en Expediente Artieda, reproduce A Coruña doente polas camadas dos ganadores, as actividades clandestinas dos dirixentes do Exército Guerrilleiro de Galicia, Antonio Seoane e Gómez Gayoso ata as súas caídas e execucións cuxos ecos chegan a Bos Aires, a Castelao vítima do remorso de meter un nome no sobre, aínda que o brazo executor foi penosamente neutralizado no Campo da Rata.

Son moitas as bondades desta novela que Luís Rei fai mover no territorio mestizo entre a ficción e a realidade histórica; o descubrimento de novas zonas do iceberg Castelao, froito dunha profunda documentación; o compromiso coa historia e coa realidade, cos inmolados, co martiroloxio laico galego. Unha tonalidade épica, un desenvolvemento non lineal cunha maraña de personaxes que, con todo, non dificultan a lectura desta novela que, como confesa o autor, non é a Historia de Galicia, senón unha historia galega, en voz baixa e laica, adornada pola ficción.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 6 de outubro de 2016)