Carver: todos os contos

raymond_carverTodos los cuentos

Raymond Carver

Editorial Anagrama, Barcelona, 2016, 702 páxinas

  Raymond Carver (1929-1988)está considerado como o mellor contista de América; talvez xunto con Chéjov o mellor de todos os tempos. A súa obra ficcional está formada por cincuenta e oito relatos publicados en vida do escritor, máis cinco póstumos atopados a partir de 1999. Todos eles aparecen arestora editados por Anagrama  nun só volume da colección  “Anagrama compendium”. Tanto os publicados no estilo extensivo no que escribía Carver, como os reescritos a partir de 1981 polo editor Gordon Lish que fixo unha extensa demouca nos manuscritos orixinais, convertendo así a Carver no cultivador por antonomasia do realismo suxo e da literatura minimalista, “dependente do omitido” (Harold Bloom), erguida con estruturas  unicamente enunciativas, diexeses  instaladas na frugalidade e mesmo na insignificancia, personaxes vulgares  que habitan na monotonía e desenlaces inesperados e moitas veces pavorosos. Mais a prosa orixinal de Carver, logo de que no ano 2009 apareceu publicado Beginners, a versión orixinal de What We Talk About When We Talk About Love ten pouco que ver con xuízo que da mesma fixo Tim O’Brien: “emprega o inglés como unha coitela, esculpe pezas de prosa austera e exentas de calquera adobío…agás a cerna da emoción humana.”

Na presente edición de Todos los cuentos de Carver atopamos a prosa orixinal e a prosa martelada polo seu editor. Pero nos dous casos, prosas realistas, con escenarios cotiáns, personaxes grises, reflexo do máis agochado da condición humana, escritos polo autor cando era escravo do alcohol ou cando, desde o ano 1977, o amor da poeta Tess Gallagher lle regalou dez anos de propina e fixo posible a escritura de contos, poesía e compilacións. Contos que, malia a secura da súa prosa, dos ambientes abraiantes, convertéronse en clásicos porque gozan da capacidade de transmitirnos unha forza sorprendente e unha gran credibilidade. A consistencia artística coa que Carver conta as súas historias, e que nestas coleccións estoura en mil direccións, permítenos mergullarnos na estética dun dos grandes escritores do pasado século, cuxas historias seguen a arrepiarnos precisamente porque son moi boas.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o 5 de outubro de 2016)