A condición celulada do mel

o-anxo-negroO anxo negro

Manuel Gago

Edicións Xerais, Vigo, 2016, 495 páxinas

 

Cunha novela longa de intenso alento narrativo, debuta Manuel Gago na ficción galega. O autor non defrauda con esta novela complexa, cun bo monllo de personaxes, varias fías narrativas, escenarios e tempos moi afastados e unha sutura de novela detectivesca e relato histórico. Aínda que todo  é ficción M. Gago basease no roubo e venda de arte sacra que se produciu despois da proclama do Concilio Vaticano II de que a Igrexa debería desprenderse do accesorio, se ben impuña aos Ordinarios a obriga de velar para que os obxectos e obras de arte relixiosa non se vendan nin se dispersen. Bispos houbo porén que venderon toneladas de imaxes relixiosas. M. Gago reproduce a través da ficción o espolio do inxente patrimonio cultural relixioso da Costa da Morte e do interior, localizando a acción novelesca na parroquia de San Martín de Cereiro. Na igrexa do Mosteiro de San Silvestre de Cereiro intentan  roubar sen  conseguilo a imaxe de Santa Mariña de Cereiro. Lógrano aos poucos días nunha capela agochada que nin o cura da aldea coñecía. Os veciños encargan a Nicolán Bren, capitán xubilado da Mariña Mercante que se encargue de recuperar a imaxe. O seu axudante será o mozo Andreu Meis, ocasional contrabandista de tabaco. O investigador séntese un torpe aprendiz de detective. Secasí, pronto se decatan da presenza de intermediarios, dun anxo negro, o cura don Servando, un personaxe cun forte instinto depredador que “promove e defende os intereses da Igrexa onde a Igrexa non debería estar” e que traballa por encargo na venda de arte sacro.

As pescudas dos dous investigadores céntranse na historia da imaxe, xa que chegan á conclusión de que o seu paradoiro ten que ver coas orixes da mesma, coa súa chegada por mar, lenda transmitida de nais a fillos, nunha sorte de río de palabras desde a noite dos tempos. É así como a acción narrativa, en frecuentes saltos no tempo, trasládase ao século XII no bosque de Némedos onde o conde Froilaz manda levantar o mosteiro; a  1923 e 1935, anos nos que Basilio Álvarez e Castelao lles ensinan aos labregos que podían pensar por si mesmos; á barbarie do 36, data na que comeza a xenreira dos veciños de Cereiro contra a Garda Civil que asasinara a moitos mozos da aldea e contra os curas pola negativa do párroco a enterralos no sagrado. Máis tarde a Rotterdam e ao castelo de Seffield, que fora prisión de María Estuardo. Descubrirán asemade que a orixe da Santa ten que ver coa chegada da armada corsaria de Drake a Corcubión portando, sen sabelo, a Santa Mariña, imaxe do oratorio da  raíña María.

 

Manuel Gago

Manuel Gago

Un final, ao meu ver demasiado doado para os investigadores e unha recompensa inxusta para o anxo negro pon cabo a unha narración na que o autor foi capaz de encaixar, nunha arquitectura entrecruzada, con moitos saltos no tempo e intelixentemente resolta, múltiples secuencias e unha manchea de personaxes. Cumpriría, porén, adelgazar un pouco a narración, xa que algunhas desas secuencias o lector pode intuílas, sen facelas explícitas. Se o fío condutor  da novela é o roubo, a investigación e recuperación da imaxe da Santa, o verdadeiro eixo interno é o espírito  comunitario dos habitantes da parroquia de Cereiro. Os fregueses de Cereiro, especialmente as súas mulleres rexas, testudas e fortes. Romance pois logo comunal no que, máis unha vez se deixa sentir a “condición celulada do mel” que escribiu Heriberto Bens. Todo isto esteado nun bo estilo da lingua de rica terminoloxía moi autóctona; unha lingua, forte, epopeica  por veces, na que tamén salienta a habilidade do autor para reflectir o ambiente e a atmosfera dos veciños unidos, herdeiros dunha inesquecible memoria histórica.

(Texto publicado no xornal  Faro de Vigo o día 8 de setembro de 2016)