Distopía apocalíptica

  niccolo-ammaniti Anna, a última novela do narrador italiano Niccolò Ammaniti, recentemente publicada en castelán por Anagrama, é unha incursión no que se acostuma coñecer como ficción distópica; a representación, neste caso, dun mundo apocalíptico poboado por nenos orfos, e que o autor sitúa nun futuro próximo, no ano 2020 e nun espazo inhóspito: nunha Sicilia en ruínas, estragada por un virus mortífero que, malia que tamén incuba nos nenos, soamente na xente adulta se converte en enfermidade mortal. É unha doenza descoñecida que arrasa o planeta. A familia de Anna,  a principal protagonista, fora varrida do mapa xunto con millóns de adultos. Sobreviven Anna de trece anos e o seu irmán, Astor de catro. O mundo estase a transformar nun deserto apocalíptico. Sen adultos que impoñan orde, os nenos organizados en salvaxes hordas de esfarrapados recorren a Illa asaltando vivendas e calquera lugar onde pode haber algo para comer. Un cru escenario de silencio, fame, arrepío, con mandas de cans transformados en máquinas de matar.

Neste contexto espacial coloca Ammaniti a protagonista da novela que, con unllas afiadas, intentará sobrevivir xunto co irmán, coa esperanza de que no continente a xente non morra aos catorce anos. Calabria seméllalles a terra prometida. Se cadra tampouco alí hai xente adulta, mais para os cativos representa o horizonte de esperanza para seguir loitando. É a utopía que renace no estourido dun mundo rexido pola morte.

A novela é asemade a historia dunha arriscada viaxe, unha odisea fuxindo da morte, e unha novela de formación, de iniciación á vida, nomeadamente para Anna que, na fuxida do virus, experimenta o cumprimento das leis biolóxicas, a arribada da puberdade coas súas reclamacións hormonais que son ao mesmo tempo o aviso agoreiro da pronta chegada das manchas vermellas da doenza. Mais tamén entre a degradación e a barbarie hai un lugar para a experiencia do amor. A novela está rodrigada nunha exposición clara, nun bo deseño dos personaxes e na relación intertextual  con moitos outras novelas como Lord of tehe Flies de W. Golding ou The Road de Cormac Mccarty.

 

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal premer aquí)