Unha novela coral. Acaído retrato do rural galego

Que non te atenQue non te aten

Manuel Iglesias Turnes

Edicións Xerais, Vigo, 2016, 276 páxinas

Manuel Iglesias Turnes é un escritor serodio e autodidacta. No ano 2012 deu ao prelo As rapazas de Xan, unha novela que escribiu para superar unha delicada situación familiar. Esa novela desenvólvese nos anos cincuenta. A peza coa que arestora nos agasalla pode ser considerada unha continuación da anterior, mais dos anos cincuenta, pasamos aos días de hoxe. Ambas as dúas son novelas ruralistas, moi afastadas, porén, da visión mitificadora e costumista da aldea. Ambientada no rural, pero con personaxes -mozos  na súa meirande parte- que comparten os trazos, usos e costumes da mocidade urbanita. Porque o mundo exterior entrou con forza nas aldeas galegas. Que non te aten, malia o trasvase demográfico e a perda de peso humano, amósanos unha Galicia agraria transformada, con modernos medios de explotación dedicados sobre todo á produción de leite. En Cabanas, espazo onde se desenvolve  a trama, soamente catro familias viven do leite, oprimidos polos baixos prezos e polo tema das cotas. Nesa Galicia rural, en simbiose coa cidade, transcorre a vida dos personaxes da novela, relatadas por un deles que é tamén o principal protagonista. Marcos é un mozo que cos seus pais, seu irmán e a  compañeira deste, saca adiante a gandería familiar. Os pais loitaron por ter a casa máis grande e devecen por ser os que máis leite entregan. Os veciños da granxa O Penedo están na mesma carreira competitiva, e por esa razón entre as dúas familias hai odios, envexas e xenreiras que veñen do pasado.

A novela dá comezo amosando a inmaturidade do protagonista, un boneco facilmente manipulable, un trebello de facer sexo para a muller empregada dun banco que se serve del ao seu antollo. Retrata a continuación o vivir diario nunha explotación gandeira actual moi modernizada, mais cunha servidume laboral todos os días do ano. A muxidura, a milleira, o ensilado…labores que non dan tregua. E á par, M. Iglesias Turnes desenvolve unha historia de amor, desamor, traizóns, reconciliacións, violencia de xénero e mesmo un thriller cunha investigación policial.

É salientable o acaído coñecemento que o autor ten da forma de ser e actuar destes mozos e mozas, nacidos no rural, pero cos mesmo hábitos e servidumes como os  da cidade. Con estudos universitarios e queimados por non atoparen traballo. Mais cunha notable diferenza entre as mulleres e os homes. Elas, seguras de si, con ideas moi claras, mesmo soñado como o fai Sara, un personaxe fundamental no relato, con ser unha muller como as de antes: realizarse como persoa tendo fillos. Eles, pola contra, nomeadamente os amigos Marcos e Xaime, son indolentes, contraditorios e, na súa forma de ser e na súa linguaxe son machistas. Non están á altura  das súas compañeiras de Cabanas universitarias.

 

Manuel Iglesias Turnes

Manuel Iglesias Turnes

A novela amosa a mudanza que tivo lugar na Galicia rural nas últimas décadas e, sobre todo, como actúa a mocidade aínda vencellada ao rural. Mais sobre o relato de Iglesias Turnes pairan moitos outros temas: comportamentos que poden ser o síntoma  e o inicio de malos tratos na parella, a corrupción política, a desgaleguización, os odios e prexuízos atávicos, o problema das preferentes, os amores tóxicos, os problemas laborais dunha mocidade moi preparada, personaxes que se definen como apolíticos e realmente son de dereitas… M. Iglesias Turnes achéganos unha novela coral, erguida con habilidade e verosemellanza: o autor conta a vida do rural e faino desde dentro, botando man da súa propia experiencia. Un relato lineal, sen saltos no tempo, de lectura doada e entretida, cun ritmo apropiado e que, partindo dunha historia das relacións entre un grupo de mozos e mozas, ofrécenos unha imaxe moi completa e actual do rural galego.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 21 de abril de 2016)