A poesía ten man

Do lado do ollosDo lado dos ollos

Emilio Araúxo

Edicións do Cumio, Vigo, 300 páxinas

(Libros de fondo)

 

Descubrir, descifrar desde a prosa o celme da poesía. Eis  o obxectivo, o fío condutor desta publicación que Emilio Araúxo, un dos máis conspicuos  “poetólogos” dos nosos días, publicou na raia entre o século pasado e o actual. Setenta e nove poetas de todas as estremas do mundo acompañando a Emilio Araúxo na pescuda do pensamento poético. O estatuto da prosa ofrece as condicións axeitadas para realizar este somorgullo nas augas fondas da poesía, nas augas diso que lle roubaron a a Luís Pimental para presidir congresos, xuntanzas, happenings poéticos, e revelar en que consiste o grande milagre do mundo. As condicións de existencia e singularidade do pensamento poético nun intre no se traspasaban as fronteiras de séculos e milenios.

A publicación na que Emilio Araúxo entrevista a setenta e nove poetas do mundo, subliña o papel esencial que hoxe xoga a poesía, a importancia da poesía neste intre, porque a poesía, como declarou no seu día o novelista francés Philippe Sollers na Revista Le Nouvel Observateur, é o antídoto, o remedio para a nosa época. “Hoxe a poesía é fundamental”, engadía Ph. Sollers. E se convidamos a Natacha Michel, decatarémonos de que a poesía é, dalgún xeito, o laboratorio da literatura. Xa que logo, o libro Do lado dos ollos atinxe, máis alá da poesía, ao eido literario en xeral. Achegarse á herdanza viva do século XX  e ás roturas en curso. A súa elaboración entre xuño de 1998 e outono do 2000 permite que esta publicación poida facer de periscopio do pasado e do futuro, desde as profundidades peláxicas do noso tempo.

Algúns psicanalistas teñen afirmado que existe unha ética común á poesía e á psicanálise. Manteñen que son dúas maneiras de ollar o ser humano co mesmo obxectivo: arrincarse as imposturas. Cómpre entón ficar preto da poesía,coma preto da psicanálise, e iso tamén o fai este libro.

Que din, xa que logo, os poetas do mundo de hoxe? Que enuncia hoxe o punto de vista poético? Velaquí o pulo e o ton deste proxecto. Achegarse á poesía no instante entre-dous-séculos para tratar de valorar o que aconteceu no pasado século XX co réxime do poema, as súas mutacións, as súas crises, a súa perseveranza. Porque a poesía resiste, a poesía ten man. A orientación do preguntar provén, en grande medida, de Alain Badiou, da inestética de Badiou: unha estética que non soamente considera a arte como autónoma e independente, senón que mesmamente a propón como unha das condicións da filosofía.

E Do lado dos ollos abofé que pon a proba algunhas das teses de Badiou neste eido: se a poesía é pensamento, se o poema é unha operación de verdade e non un sinxelo encantamento retórico, a cuestión do suxeito do poema,  a da desobxectivación, se o poema  é  acontecemento, se cómpre abordar a poesía a partir da accións restrinxida (unha acción restrinxida é aquela que está fóra de calquera pretensión de totalidade, unha acción local, pero asemade dirixida a todos). Se o poema é anticipación e millentas preguntas que o lector atopará na presentación da publicacións e no discorrer das súas páxinas.

Por outra banda, tamén se nos achega no libro de Emilio Araúxo outros dous temas de gran relevancia. En primeiro lugar, o tema da herdanza, pois como dicía Julien Blain, nómade e inventor da poesía elemental, un dos logros deste libro  é o de xuntar nas súas páxinas tres xeracións de poetas. E logo, a achega ao imposible retrato do poeta no noso tempo, ás figuras posibles que hoxe en día se están a afirmar. Abórdase o tema da resistencia da poesía fronte ao sistema da maquinaria editorial, fronte ás forzas institucionais e mediáticas. Cunha atención especialísima ás novas tendencias poéticas: certas partes do libro están atravesadas pola tensión entre o “literalismo” (a poesía branca e espida de imaxes: Claude Royet-Jurnoud, Michael Palmer, Keith Waldrop, Jean Daive) e o “neo-lirismo”. Porén, maís que un libro de áreas culturais, Do lado dos ollos é un libro de poetas singulares. Arlindo Barbeitos que foi guerrilleiro na loita de liberación de Angola e discípulo de Adorno nos anos 60. Bernard Heidsieck é un dos creadores da poesía sonora e tamén do cut-up con William Burroughs. Rea Nikova é a principal herdeira das vangardas rusas. Uxío Novoneyra (que falou para Do lado dos ollos en xuño de 1998 e maio de 1999) é, xunto con James Sacré, un dos grandes poetas do mundo labrego.

 

Emilio Araúxo

Emilio Araúxo

E máis alá, Yves Bonnefoy, Antonio Gamoneda, Michel Deguy, Henry Bauchau, Hubert Lucot, Ah Jian, o poeta vagabundo, Pearse Hutchinson, o poeta pobre. Tampouco faltan os poetas visuais ( Julien Blaine, Clemente Padín, Hugo Pontes). E así ata setenta e nove poetas que converten esta publicación nunha verdadeira antoloxía da poesía mundial, porque na derradeira pregunta que Emilio Araúxo lle fai a cada poeta, inclúe un poema seu e solicítalle un comentario. Como mostra, o precioso poema da poeta islandesa Sigurdur Pálsson: unha casa sen cheminea e sen paredes en Rykjavít, na que se nos invita a compartir o pan e o viño. Entrar na casa da poesía: “Por favor / sentádevos / Non vos asustedes / Tomemos un bocado / Partamos o pan, probemos o viño / acendamos o lume no lar // Miremos / non,admiremos o cadros nas paredes // Por favor / entrade pola porta ou polas ventás / se non polas paredes”.

Porque a poesía -velaquí a súa forza- non ten fronteiras, pero pode ternos de pé. A poesía ten man.