Coherente relato. Aventuras para a fin do século XVIII

O dobrón de a oitoO dobrón de a oito de Alberto Fortes

Alberto Fortes

Edicións Xerais, Vigo, 2016, 185 páxinas

Alberto Fortes é un autor versatil que escribe e publica en galego e en castelán, e frecuenta con igual competencia a investigación e o ensaio, sobre todo de temática mariñeira, de corsarios e piratas, como a narrativa en varias modalidades: novela policial, novela gótica e tamén a novela de iniciación e aventuras. Tal é o caso da súa última entrega, O dobrón de a oito, cuxa cerna é a iniciación á vida adulta do protagonista, o mozo Martiño de Santadrán que, na segunda metade do século XVIII, tras a morte do seu pai,  emprende unha viaxe que o levará á taberna dun seu tío birollo, na praia de Lusquiños, acompañado do dobrón de ouro de a oito que será o seu talismán no desenlace da novela, e que terá que rescatar da cobiza do  tío taberneiro antes da súa fuxida, na procura da memoria do pai, artilleiro da nave San Fernando e aparentemente morto durante o apresamento dun convoi inglés. Coa chegada á taberna comeza para o rapaz unha vida sinalada polas privacións, multitude de perigos e o máis grande dos desamparos. Ata que, recuperado o seu dobrón de a oito, foxe das gadoupas do tío, coa axuda do gaiteiro de Gures e do fidalgo de Dornas. Con eles aturará persecucións, perigos, falsas acusacións, mais conseguirá o que lle pertence e descubrirá a verdade sobre a desaparición do seu pai. Transos que o prepararán para a vida e para exercer de mariñeiro con patente de corso, se España volve á guerra cos herexes ingleses.

A novela de Alberto Fortes é coherente con todas as convencións dos relatos de aventuras: hai un heroe que nos conta os feitos en primeira persoa desde o seu punto de vista. Polas súas palabras, coñecemos os seus sentimentos verbo dos lances e situacións que lle toca vivir. Faise énfase nas viaxes, no misterio e no risco. Exaltación do atrevemento e da acción física. Abundan as peripecias e os cambios de sorte. Ten máis importancia a trama que o deseño do perfil psicolóxico  dos personaxes. E aínda que no relato de A. Fortes está ausente o exotismo, a novela está ben ambientada, tanto no tempo como no espazo: a Galicia da segunda metade do século XVIII, controlada polos donos da terra (señores forais ou eclesiásticos) que avasalan e explotan os campesiños; con escribáns falsarios, curas caciques, xuíces corruptos, fidalgos pobres, contrabandistas de sal e de tabaco de Virxinia, feiras, tratantes, tabernas, mareantes, corsarios galegos, barregás… Unha fervedura social propia dunha situación próxima o seu esmorecemento.

 

Alberto Fortes

Alberto Fortes

De por parte, a acción novelesca desenvólvese nunha Galicia chuviosa, con camiños enlamados. Un país que soporta moitos anos de fame, con choupanas colmadas, tabernas de viño ruín, pousadas ateigadas de inmundicias, mosteiros de damas repudiadas que seguen alimentando os recendos do amor. Un bo fresco, xa que logo dun país, unha Galicia barroca que non morre de fame grazas ao millo, e se murcha xunto co Antigo Réxime.

O autor fai un uso proveitoso de temáticas asociadas como a do dobrón macuquino que rotula o libro; así como do vocabulario mariñeiro e, en xeral, dunha linguaxe coa que fai chegar ao lector unha estampa congruente co século XVIII. Non semellan, porén, verosímiles, nin coherentes coa realidade dos feitos os longos parladoiros que, en varios intres da novela, sosteñen asediados e asediadores, antes de comezar as refregas a tiros. Un exceso verbal que non empece, con todo, o obxectivo de O dobrón de a oito: entreter coas aventuras e perigos que enfronta e supera o protagonista, que forman o corpo dunha novela que é tamén un bo retrato dunha Galicia que esmorece de fame, miseria, asoballamento e opresión nas décadas postremeiras do Antigo Réxime.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 31 de marzo de 2016)