Fasquías da vida de noso

Máis vidas de Xosé Váquez PintorMáis vidas
Xosé Vázquez Pintor
Edicións Espiral Maior, Culleredo, 177 páxinas
(Libros de fondo)

Velaquí chega, efluente e silandeiro unha vez máis, este libro – voz de Xosé Vázquez Pintor, un escritor todoterreo, e hoxe en día un dos grandes piares da narrativa galega, desde que, a partires do ano 1996, decidira contarnos as vedrañas experiencias dos nosos oficios, os saberes da tribo; e logo deleitarnos e tamén estarrecernos con fabulacións tenrísimas, pavorosas, mais sempre epopéicas, como son as súas novelas, A memoria do boi, Quen faga voar ou Mar de bronce.
Desta volta a escrita de Xosé Vázquez Pintor dálle voz multiplicada e multicolor aos verdadeiros suxeitos da identidade galega en forma de pequenas crónicas, “crónicas de dentro”, recuperados desde os soños do profundo para brincar con elas coma os xolgaretes e as trasnadas literarias. Crónicas de vidas extremas que rescatan e conservan as cadencias da nosa identidade e sobre todo a nosa oralidade, esa gran teima de sempre do autor e que tanta presenza ten na súa escrita.
Vázquez Pintor quere unha vez máis deixar rexistrada a confianza dos seus, da súa tribo, “ que foran guerra, martirio e indulxencia, carballo e códice, amo e toupa, égoa, can, bidueiro, coquina, bardo, mía senhor”. E partindo da identidade ancestral, dos nosos raigaños romanos e suevos, escribe Vázquez Pintor estas pequenas crónicas, brincadeiras coas palabras, rotuladas con nomes latinos e narradas pola moza de capa, Mar de Brito a chaman. Nesta manchea de vidas extremas ao revés do xeito natural, o lector poderá mergullarse en abondas fasquías da vida de noso, do máis xenuíno da vida aldeá. É o encontro coas mulleres e homes da Galicia interior e tamén da do mar. Mestura pois, unha vez máis, da cultura da montaña e da ribeira. Obradoras de Galicia, as velliñas máis vellas, máis que anciáns, as mulleres bonitas que han ser as nenas que vexan a primeira luz no paraíso das mariquiñas voadoras.
Tamén viven nestas crónicas os animais da nosa terra. O galo Liro que señorea vinte amas no curral; a cadela frade que manda no xardín selvático, o merlo ventureiro; o cabalo negro e preto que nunca amou no monte das Eguas; o moucho que mouchea de lonxe; o burriño pedrés que carreta os sacos dos merdeiros; as pegas rabilongas… Tamén os lugares máxicos da nosa terra, feitos mesmo de chemineas que non mancan a paisaxe. E o mar, o mar comunal (“cando o mar era de todos e se repartían as xeiras e os oficios”).

 

Xosé Vázquez Pintor

Xosé Vázquez Pintor

Realidades presentes e fantásticas imposturas contadas con tensión, emotividade, sorpresa que o autor acada mediante o desvelamento dese segredo que tan ben domina: un estilo forte, epopéico, quizais abeirado ao barroquismo, e un rexistro léxico riquísimo. Velaquí dúas mostras: “Oso vén baixo de mera, uliscando a case morte do amigo home” (páxina 16); Mioca cega de ollos, birimbao que arrisca e chama pola troita ladra do banzado , pola da pedra,pola da raíz do carnocho, pola padroeira, polo troitiño que vai chulo e mesmo arrisca a beber o aire do salgueiro” (páxina 74). Unha lingua aprendida e tirada da oralidade, que fai da prosa de Xosé Vázquez Pintor unha verdadeira música fonética, coma el mesmo ten definido a nosa fala.