“Follas novas”: outra memorable edición crítica de Rosalía

Follas novasFollas novas
Rosalía de Castro
Edición, notas e comentarios de Anxo Angueira
Edicións Xerais, Vigo, 2016, 495 páxinas

Acaba de ver luz, nestas datas, a segunda entrega dun proxecto autorial e editorial inxente e memorable: a edición crítica das Obras Completas de Rosalía de Castro, na que vén traballando, desde o ano 2013, data da edición de Cantares gallegos,  Anxo Angueira. Un proxecto que se plasmará en oito volumes, e que, sen dúbida, constituirá unha das maiores empresas do sector editorial galego.
Follas novas que finalmente saíu do prelo en 1880, supuxo o referendo, xunto con Cantares gallegos, dun campo literario independente: a construción da literatura nacional galega. Unha manchea de investigadores, comentaristas e editores do labor escritural rosaliano teñen analizado polo miúdo a orixe, circunstancias e natureza de Follas novas: o existencialismo da meirande parte dos poemas, orixinados nunha crise persoal vivida realmente pola autora. Unha “extensa e perpetua elexía sentimental profunda e ardente” (Francisco Rodríguez). En Follas novas amósase a “chamada concepción asociativa (…) que dá fundamento á poesía da modernidade” (Arcadio López-Casanova). Un poemario no que, como escribe Xosé Ramón Pena, autor da última historia da Literatura Galega (outro magno proxecto), Rosalía segue a proclamar que escribe co propio sangue. Un poemario singular “de textura visionaria (…) en cuxas páxinas naufraga irremediablemente o corazón”.
Coido, porén que o que arestora resulta oportuno e obrigado é salientar esta notabilísima edición crítica, como no seu día fixen a respecto de Cantares gallegos. Penso, máis unha vez, que Anxo Angueira é o estudoso e investigador indicado para levar a bo porto este trabalo de fixación canónica das obras de Rosalía, e en concreto nesta ocasión, a edición crítica de Follas novas, malia que, ao menos no meu pensar e pesar, ese inxente traballo lle estorbe ou deteña na súa actividade como creador en narrativa e poesía.

Rosalía de Castro

Rosalía de Castro

Nun amplo e esclarecedor estudo introdutorio de preto de cen páxinas, analiza Anxo Angueira, entre outros temas, a xénese do poemario; a súa estrutura; o proceso que levou á poeta de Cantares gallegos a Follas novas; a posición pesimista e o pensamento crítico de Rosalía; os principais eixos líricos (Poética da dor, Poética da soidade; Poética das sombras e mais da noite; Poética do adeus; Poética da nación).
Nos criterios de edición, parte Anxo Angueira da única edición en vida da autora en 1880, aínda que, para a fixación dos textos, tivo en conta outras edicións que se fixeron en vida de Rosalía. Adapta, como en Cantares gallegos os textos á ortografía actual, mais conservando os trazos característicos da lingua da poeta.

 

Anxo Angueira

Anxo Angueira

E logo da edición do poemario, cos prólogos de Emilio Castelar e da mesma Rosalía, aborda o editor o que, na miña estima, é a parte máis ardua, laboriosa e meritoria desta edición: un apéndice (“Fixación, notas e comentarios” de cento dezaoito páxinas) que constitúe un dificilmente superable instrumento crítico. Anxo Angueira amósanos a fixación textual dos textos, explica cada poema, sen esquecerse dos prólogos, a súa orixe e o seu contido. E nas “Notas” aclara todo o que fai referencia ao léxico, solucións dialectais, influencias literarias, entre outros aspectos. Un labor filolóxico e hermenéutico intenso e moi esmerado que dá fe dun traballo xigantesco, asumido polo editor, que chegou a bo porto.
Pola miña parte parabenizo esta edición, a Anxo Angueira e a Edicións Xerais por achegarnos esta mostra senlleira do lirismo intrasubxectivo e radical, (…) a nova flexión realizada da alegoría nacional de Galicia, tal como se escribe na presentación editorial.

Advertisements