Loable recuperación. Unha novela de fronteriras

POR QUE AS SOMBRAS NON TEÑEN OLLOSPor que as sombras non teñen ollos
Luís Manuel García Mañá
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 160 páxinas

 

Luís García Mañá é un dos más salientables estudosos dese territorio da Raia Seca galego-barroso, tanto no eido ensaístico e historiográfico, como na narrativa. O rescate do Couto Mixto e das vivencias dos seus habitantes faise presente no seu libro Couto Mixto, unha república esquecida (2005), así como no ciclo ficcional que deu comezo no ano 1997 coa novela O lume de Santo Antón. Con esta nova entrega, achéganos, non exactamente ao Couto Mixto, mais si a súa contorna, aos curutos da Serra de Pena, por riba das aldeas de Vilariño e Vilar, onde lindan as terras galegas coas trasmontanas de Barroso.
A novela parte dun feito real: o 22 de febreiro do ano 1944, un bombardeiro británico estrelouse na Serra de Pena, á altura do marco 125 da fronteira con Portugal, entre a vila portuguesa de Montealegre e o concello galego de Calvos de Randín. A partir deste feito histórico, tece o autor a súa ficción: un dos falecidos no accidente, un oficial canadense, portaba documentación moi importante para o desenvolvemento da Operación Overlord (o desembarco de Normandía), que serán furtados por un dos principais contrabandistas da comarca.
A novela deriva entón nunha historia de intriga e misterio, na que os servizos de intelixencia alemá e a contraintelixencia aliada andarán á procura de tan importante material. Ganduxa así L. M. García Mañá unha trama de espías na Raia Seca, na que ten un protagonismo salientable unha profesora finlandesa de historia que colabora co servizo de espionaxe alemá. E sobre todo, os veciños de ambos os dous lados da Raia Seca. Tamén as terras arraianas, terras duras e montesías, con curutos e covas entre codesos e xestas, semellan ser o espazo apropiado para unha historia na que se mesturan o negocio da ramboia (contrabando), as corruptelas de supervivencia doméstica, a violencia dos servizos de intelixencia, así como as traizóns.

 

Luís Manuel García Mañá

Luís Manuel García Mañá

O autor narra unha historia lineal, cuxo motor de acción é a urxencia de atopar o material cifrado desaparecido no accidente do avión. E faino botando man dunha escrita clara e sinxela, afastada de calquera barroquismo, mais cunha precisa descrición dos principais protagonistas, aos que retrata nomeadamente a partir das súas falas e accións. Capta e transcribe asemade de forma cumprida o carácter dos arrainos: unha mestura de mansedume e hospitalidade, engadida á desconfianza, á reserva e cun sentido duplo das súas expresións, propio das xentes de fronteira. Un dos piares nos que, segundo o autor se alicerza a novela é a antropoloxía e a etnografía. Trátase, porén, dun piar soamente aludido, coa presenza dunha Galicia profunda que se amarraba con forza ás raiceiras antropolóxicas das súas crenzas, nos ritos populares de despedida dos mortos, e nunha ricaz conteira referida de historias de lobos, do trasmundo e de medo que, desde a oralidade, se transmitían nas noites de invernía no Val de Salas.
En resumo, unha entretida novela de intriga, espías e misterio, baseada en feitos históricos, e unha loable recuperación do que foi a vida material e inmaterial das aldeas e das xentes bravas da montaña, nos dous lados da Raía Seca.

( Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 17 de decembro de 2015)