A morte en Venecia

A morte en VeneciaA morte en Venecia
Thomas Mann
Tradución de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda
Rinoceronte Editora, Cangas do Morrazo, 2015, 144 páxinas

O grande mestre de Thomas Mann foi sen dúbida Goethe. E o mesmo escritor era consciente de que compartía con Gothe non poucos trazos, non só ideolóxicos, senón tamén no eido da escrita. Como seu mestre, Thomas Mann cree que a súa obra encarna a arte, a literatura e quizais a mesma Alemaña. Unha existencia, xa que logo, simbólica, como dixo Goethe da súa. Seguramente ningunha das súas obras como La montaña mágica, escrita no período de entre guerras, representa tan ben ese ideal ao que aspira Thomas Mann. Pero tamén Carlota en Weimar ou El surgimiento del «Doctor Fausto»: novela de una novela. Mais Thomas Mann tamén escribiu obras, a primeira vista menores, que pasaron, porén, á historia da literatura de todos os tempos. Entre elas, Der Tod in Venedig (1913), traducida no ano 1995 ao galego e reeditada arestora por Rinoceronte Editora.Unha peza narrativa ateigada de simbolismo que, para alén da súa trama, dá orixe a interpretacións moi variadas que non se poden centrar unicamente no homoerotismo xa que entón a novela perdería boa parte da súa sustancia.
A novela desenvolve unha acción aparentemente mínima, concentrada en dous personaxes: Gustav Aschenbach, un importante escritor alemán, e un adolescente polaco, Tadsio, membro dunha familia nobre. Aschenbach, demasiado comprometido coa obriga da creación, demasiado ocupado cos deberes que lle impuñan o seu eu e máis a alma europea, nunca tivera a tentación de abandonar Europa. Un día decide viaxar, pero non o fará lonxe de máis. Faino con rumbo á cidade croata de Pola, e desde alí a Venecia, unha cidade con grande forza de atracción para unha persoa culta. Instalado no hotel, observa, entre un grupo de polacos, a un rapaz absolutamente fermoso, cunha cabeza cun engado sen igual: a cabeza de Eros. É Tadsio. A fascinación que sente Aschenbach fai que, nos espazos do hotel e da praia, observe de xeito compulsivo o mozo e siga por veces o seu rastro a través da cidade. A acción da novela redúcese a iso, cun final tráxico: a morte do escritor, incapaz de deixar unha cidade envolta nun cheiro pútrido de mar e pantano e apreixada pola peste.
Con todo, o verdadeiramente interesante da obra é o drama interior de Aschenbach: a loita que nos seus adentros se produce entre o apolíneo e o dionisíaco, entre o rigor intelectual e a estoica disciplina moral do escritor e o “delicado gozo sensual” e o amor que consume ao respectable escritor. Mais esa atracción sensual e amorosa mantense sempre nun plano unicamente intelectual ou platónico, sen sequera atravese a falarlle ao fermoso adolescente, malia os seus desexos.
O contido dunha trama tan mínima e sinxela non esgota, porén, os valores dunha peza sobordante de referencias simbólicas. O que primeiro distingue Aschenbach é o arquetipo platónico como modelo primordial de fermosura. Non entanto, a presenza de Tadsio e o desexo cambian a súa visión da vida, da cultura e da arte. Os ideais intelectuais deixan paso ao mundo das sensacións e dos sentimentos, ata levar o protagonista á fatal destrución, un dos grandes leimotiv na narrativa de Thomas Mann.

 

Thomas Mann

Thomas Mann

A cidade de Venecia aparece debuxada con perfís expresionista, con trazos grotescos e decadentes que reflicten unha urbe insalubre, transitada pola morte, tras as carautas dun falso esplendor. Todo iso anuncia a peste de cólera que, con sixilo, está a atenazar a cidade. Na novela tamén está presente o motivo da viaxe, tan frecuente na literatura, aínda que Thomas Mann transforma esa aprendizaxe en algo totalmente distinto do que se persigue en obras como a Odisea ous As viaxes de Gulliver, xa que o único final posible da busca de Aschenbach é a morte. A morte en Venecia é pois unha sátira profunda, desenvolvida cunha grande mestría formal, da procura dos ideais clásicos, unha crítica da sociedade decadente do tempo no que a novela foi escrita, e unha aposta por un futuro centrado no amor á arte.