Lesbos en lingua esplendorosa

Para dicir abril reducidoooooooooPara dicir abril
Xosé Vázquez Pintor
Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 238 páxinas
(Libros de fondo)

O autor de Para dicir abril, Xosé Vázquez Pintor, foi honrado no ano 2008 coa letra E da Asociación de Escritores en Lingua Galega, como recoñecemento ao labor desenvolvido na súa ampla traxectoria como escritor todoterreo que aborda a poesía, o ensaio, o teatro e a narrativa. Foi un recoñecemento formal por parte dos seus colegas que deste xeito lle fixeron xustiza a un escritor felizmente rescatado para a nosa escrita, logo de ser “canonicamente” excluído, en tempos anteriores “de calquera atención ou xuízo valorativo reseñable” por cousa dos seus primeiros libros de poesía social. A reivindicación real chegoulle da man das súas obras posteriores tanto no eido lírico como na prosa cando se decidiu a contrastar esa madeira de gran narrador que leva dentro e que produciu importantes froitos, en especial A memoria do boi, na miña estima, unha das grandes novelas galegas de todos os tempos. A obra de Vázquez Pintor é a dun activista da lingua que reconstrúe o mundo coa memoria, como acertadamente interpreta a súa produción, a crítica e profesora cubana, Yanelis Velazco Fajardo nunha tese de doutoramento sobre o escritor de Melide, presentada no ano 2007 na Universidade da Habana.
Tamén o lévedo da memoria está presente nos xermes da peza narrativa coa que hoxe nos agasalla o escritor de Para dicir abril. Porque hai, sen dúbida, un memorial do amor diferente, do amor entre mulleres, tan deostado dende sempre e cuxa representación literaria atopa en Galicia a invisibilidade e o esquecemento, posiblemente pactados. A afouteza do escritor e a orixinalidade da súa novela consiste, xa que logo, en esquecer os principios culturais dominantes sobre a representación das relacións entre mulleres, achegándonos ao mundo lésbico desde o respecto, a reivindicación e o intimismo dun percorrido vital. Este itinerario acércanos ao mundo que unha nena recupera a través das súas lembranzas. Unha nena que gastaba rizos pero agochaba moitos medos e que pronto tivo consciencia de que vivía nun mundo onde ser muller e lesbiana era unha dobre falta sen recurso. As súas intemperies de infancia desenvólvense entre o cariño protector da nai e o amor alén de toda norma do pai. O corpo pídelle o asasinato dese “meu” que tanto manca, pero faise maior en permanente descuberta e querendo ser ela mesma e sen culpa. Mais deberá facer fronte ás incertezas que están no silencio e ao cansazo das esperas.
A novela vai esmiuzando en alternancias e nun xogo de intertextualidades os medos da nena muller e as medras dun amor que abrolla con inmensa forza e que se ten que enfrontar ás dificultades do amor entre os/as diferentes. A protagonista busca precisamente esas certezas da diferenza e, como tributo para acadalas, deberá sufrir non poucas catástrofes emocionais e verdadeiras vivencias límite.

 

Xosé Vázquez Pintor

Xosé Vázquez Pintor

Para dicir abril é sen dúbida unha novela sobre o erotismo diferente, pero está inmensamente afastada de calquera lambetada ou produto xenérico. Riqueza temática, complexidade formal, un perfecto xogo de planos espazo temporais e unha estrutura pautada polos versos de Safo de Lesbos. Pero sobre todo a lingua. A prosa poética de Vázquez Pintor nas páxinas desde libro eleva o galego a unha auténtica e fermosa obra de arte, como poucas veces ten acontecido na nosa escrita. Un léxico exquisito e esplendoroso que recupera vedraños termos lingüísticos – a sabenza das estirpes – e orixinais e atrevidas figuras literarias converte a lectura desta novela nun gozo para os sentidos e nunha incitación para a intelixencia.