As bágoas de Eros. Radiografía dunha xeración fascinada

A identidade fascinadaA identidade fascinada
Antonio Piñeiro
Editorial Galaxia, Vigo, 2015, 159 páxinas

Crónica real ou novelada do personaxe imaxinario que eramos nese cóctel hedonista para aquela xeración mltitudinaria que nos anos oitenta se fixo dona de Santiago. Así resume o autor,Antonio Piñeiro o celme deste libro. Unha Compostela que é temario, fotocopia, prato combinado, o Ensanche, o vaso de tubo, e que, nun exercicio de recuperación, o autor pretende retomar. “Non lela, tocala”. Santiago, nese furco temporal que vai desde 1982 ata 1990, duplica a súa poboación durante o curso académico coa chegada masiva de estudantes, funcionarios autonómicos, traballadores e persoal doutros servizos. A tromba xeracional do baby boom dos sesenta. Un aluvión de estudantes, cuxo primeiro afán era atopar aloxamento, o cuarto, o cuarto cambiante, como espazo escenificador da autonomía persoal e intelectual. E tamén da fascinación.
Empregando una estrutura construtiva híbrida na que a escrita de A. Piñeiro conxuga a ficción novelada, a crónica individual e social, o ensaio, fontes documentais e o diálogo con pensadores referenciais. A identidade fascinada pretende ser a radiografía de Compostela nos anos oitenta, unha cidade ocupada, vivida, gozada pola xeración baby boom dos anos sesenta, universitarios naquela década. Santiago convertida en gran cuarto de alugueiro dunha mocidade que na fascinación atopa a súa identidade. Crónica, xa que logo, real e novelada do personaxe imaxinario que conformaban todos eles, tamén o autor, porque o itinerario por aquela Compostela ten moito de vivencia persoal do propio escritor. E como fío condutor, eixe e final desta década fascinada e optimista, Clangor, a explosión malfadada de Clangor. Así pois, Compostela convertida nun grande espazo hedonista no que conviven sesenta mil mozas e mozos universitarios, cuxa imaxe de comezos de curso non é o calendario senón o quorum; que se individualiza experimentado a súa propia liberdade, un hedonismo sen fechaduras, o espertar sexual, a revolución da moda. Que vive a explosión da literatura galega que tamén acrecenta a súa fascinación; que percibe a revalorización da arte (Atlántica), considerada asemade como material identitario, esteado porén na heteroxeneidade. Que asiste ao nacemento de formacións políticas e se identifica co feitizo dos seus líderes. Todo iso constitúe o cóctel hedonista do que fala o autor, deses anos oitenta en Compostela, unha época envolta no fume da explosión de Clangor, chanto final dun ciclo, de cuxa identidade tamén forma parte, malia o alén baleiro da súa mensaxe.

Antonio Piñeiro

Antonio Piñeiro

O autor achéganos unha visión, ao meu entender, demasiado optimista e eufórica daqueles anos, mitificados na súa escrita. É certo que nunha das secuencias do libro deixa constancia de que na Compostela dos oitenta non só se atopa Eros, senón tamén a súa consumación en Tánatos. As substancias, a droga tamén foron signos desa época. Non entanto, esas “bagoas de Eros” fican eclipsadas polos ouropeis da fascinación do hedonismo, do consumismo, da movida que enchen boa parte do libro. Pero Compostela tamén foi unha verdadeira baixada aos infernos para unha manchea de mozas e mozos. Recorridos forzados cara á morte daquela xeración que pagou un pavoroso tributo a aquel frenesí libertario, hedonista, de amor libre, droga, movida. Tamén este reverso pouco fascinante forma parte da memoria daqueles anos e constitúe un fito importante desa identidade. Época pois con luces e sombras. O libro de Antonio Piñeiro reflicte moito máis as primeiras que as segundas.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 24 de setembro de 2015)