Edicións Xerais: abondosa colleita para o remate do verán

Aínda que non é un feito illado, desexo salientar a abondosa e variada restra de publicacións que Edicións Xerais vén de poñer a disposición do lectorado galego neste remate do verán 2015. Un non pequeno monllo de libros de fasquía moi gorentosa e que han aledar a todos os públicos. Desde os máis pequenos cun título da colección “Sopa de letras” (Os Sabuxos divírtense no Museo Prohibido de Jaureguizar. Os que non son xa ten pequenos, cunha escolma de relatos de Manuel Rivas na colección “Fora de xogo” (Madona e outros contos de inverno) ata a narrativa para adultos (Muros de aire de An Alfaia e Interferencias, o esperado regreso á escrita de Manuel Seixas)
Tres libros da colección “Libros X” (Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia de Manuel Gago, Viaxe por Galicia de George Borrow e Marcas. Signo, comunicación e consumo na era da simulación de Xavier Navaza) fan interesantes calas no ensaio e nos libros de viaxes. Tampouco falta unha mostra da lírica: un poemario de Manuel Rivas (A boca da terra) Non están todos os que son, senón os que recibín nestas datas. Na relación falta, por exemplo un estudo, sen dúbida moi interesante de Francisco Fernández Rei, Ramón Cabanillas e o mar de Arousa, publicado na colección Clásicos de Xerais.
Amoso nas liñas que seguen sinopses destas novidades editoriais, baseándome nas presentacións da casa editora. Sobre algúns deles volverei máis adiante cun comentario crítico persoal.

 

 
Os sabuxos divítense no Museo prohibidoOs Sabuxos divírtense no Museo Prohibido
Jaureguizar
Ilustracións de Matalobos
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 158 páxinas.

Nica é unha «detectivesa» que se dedica a resolver misterios no seu barrio coa axuda dos seus amigos, Os Sabuxos. O barrio no que vive é un barrio calquera, dunha cidade calquera, onde nunca pasa nada. Vaia, case nunca. Porque un día Nica atopa un lugar secreto cheo de aparellos estraños e marabillosos para facer maxia. Os catro sabuxos xogan e divírtense alí ata que descobren que quedaron atrapados dentro dun sitio que ninguén coñece: o Museo Prohibido.

 

 
Madona e outros contos de inverno de manuel RivasMadona e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 101 páxinas.

Manuel Rivas reuniu neste libro oito dos seus contos que teñen o inverno e o Nadal como pano de fondo, tanto no presente como nas lembranzas dos personaxes. A tristeza da emigración, a experiencia límite do naufraxio, o amor que nos defende das adversidades, a resistencia durante o franquismo, a traizón que nos derrota, as consecuencias do tráfico de drogas, a ledicia de xogar un partido de fútbol, a integración das persoas diferentes e a conmoción da crise das vacas tolas artellan as tramas destes contos en que se abordan temas esenciais na literatura. Oito contos conmovedores nos cales Manuel Rivas dispuxo as pingas de humor e tenrura capaces de transformar o cotián na beleza da escrita literaria.

 

 
Muros de Aire de AnAlfaiaMuros de aire
An Alfaia
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 245 páxinas

Cora e Fidel manteñen unha relación afectiva chea de espazos grises e comparten a dirección dun gabinete sociolóxico. Reciben un encargo dunha institución académica que ten como obxectivo elaborar un estudo arredor dunha mostra de persoas unidas por un nexo común: o suicido con tendencias criminais. Fidel ocúpase dos asuntos administrativos; Cora do traballo de campo, e será a súa implicación emocional coas persoas entrevistadas o que fará remexer nela escuras lembranzas do seu pasado. Fuxindo dun ambiente opresor, e incapaz de desbotar do pensamento os testemuños inquietantes dos suicidas, Cora diríxese á cidade que a viu medrar buscando o acubillo de Remedios, a súa avoa, unha muller de personalidade castradora. Xaora, non atopará acougo, senón un mundo de falsidades agochadas no soto da súa infancia. Un mosaico de personaxes que actúan como monicreques guiados por un destino perverso que controla as súas vidas, erguendo entre eles herméticos muros de aire.

 

 
Interferencias de Manuel SeixasInterferencias
Manuel Seixas
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 138 páxinas.

Ela, María, traballa como fisioterapeuta na residencia Miguel Hernández, un centro privado de persoas maiores. Preparada para rehabilitar outros corpos, cansos e mallados, espíritos esgotados polo paso do tempo, ela permanece soa, tamén por dentro, onde doe, onde as viaxes son tan longas, tan pesadas e interminábeis. El, Xosé, profesor de Historia nun centro de ensino secundario, tamén só, leva un tempo agardando, mentres agoniza cada tarde de xaneiro. Interferencias é a historia de María e Xosé, dous seres humanos que atravesan os camiños da vida como poden, persoas illadas, que se mergullan entre insospeitadas interferencias. Unha novela escrita nunha longa noite de pedra psicolóxica, que supón o agardado regreso á narrativa galega de Manuel Seixas, autor de A velocidade do frío, (Premio Xerais 1996) e Bailarina (1999), dúas novelas destacadas da fin do século XX.

 

 
Vento e chuvia de manuel gago REDUCIDOOOOOOOOVento e chuvia
Mitoloxía da antiga Gallaecia
Manuel Gago
Ilustracións de Manuel Cráneo
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 252 páxinas.

Nun territorio extenso, misterioso e brutal no que aínda hoxe vivimos, os deuses conviviron cos homes, beberon da súa cervexa, participaron das súas batallas, exiliáronse nos seus montes. Nas vellas aldeas, na noite dos castros, hai máis de dous mil anos, alí onde hoxe vemos mudas ruínas circulares e murallas derrubadas, contáronse historias fermosas transmitidas de xeración en xeración. Historias de deuses que viven, que nacen, choran, aman, sangran, viaxan de monte en bosque, e das illas ás costas; historias nas que non existen fronteiras entre o real e o fantástico, porque, coma no tempo de hoxe, o mundo dos homes é sobre todo imaxinación. Deuses e homes corren baixo a chuvia, e as súas palabras son levadas polo vento e as augas, que son a cerna de Galicia. Manuel Gago imaxina os soños, as lendas e os mitos da Idade do Ferro, como un reporteiro de viaxes que leva a súa gravadora ao interior destas cabanas castrexas. Un minucioso traballo de documentación histórica foi o paso previo para deixar voar a imaxinación e entrar nun universo cultural mítico, onde o vento e a chuvia nos traen versos, memorias e a recuperación de centos de nomes de persoas, cidades e seres míticos da Galicia previa á invasión romana, ata agora descoñecidos polo gran público. As ilustracións de Manel Cráneo recrean este mundo con formas poderosas que nos fan viaxar no tempo.

 

 
Viaxe por GaliciaViaxe por Galicia
George Borrow
Limiar, cronoloxía e tradución de Salvador García Bodaño
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 186 páxinas

«A viaxe por Galicia» constitúe unha parte do libro The Bible in Spain, escrito por George Borrow, aventureiro inglés que vendía biblias polos camiños do mundo. Publicado na Inglaterra de 1842, o libro alcanzou un impresionante éxito, esgotándose sete edicións nun ano. Nel relátanse as experiencias viaxeiras do seu autor pola España de 1837. Malia a súa antigüidade, a lectura deste libro sorprenderá o lector a través dunha visión que, en moitos aspectos, non perdeu actualidade.

 

 
Marcas de Xavier NavazaMarcas
Signo, comunicación e consumo na era da simulación
Xavier Navaza
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 250 páxinas
Mitos, valores e iconas que noutrora posuían un xorne idealista, utópico ou revolucionario, forman parte, hoxe, dos mecanismos de penetración cultural dos mercados, que asolagan o planeta con ofertas máxicas capaces de resolver as carencias e soidades da xente na sociedade global. Tras as grandes marcas comerciais están os grupos financeiros que, cada vez con máis intensidade, están a colonizar os medios de comunicación de masas e ameazan con varrer do mapa as linguas minoritarias e as raíces da identidade de pobos da vella Europa como Galicia, Euskadi e Catalunya. Procuran un novo e manso cidadán considerado como un consumidor global e homoxéneo a escala planetaria.

 

 
A boca da terra, máis grandeA boca da terra
Manuel Rivas
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 101 páxinas

A d’A boca da terra é unha poesía de natureza insurxente. Porque aquí a natureza fala, murmura, berra ou xura con ironía no eco das campás. Tamén se agocha nas ruínas e aluca, sentinela, o pasar dos camiños. Lembra e soña: corren por estes eidos cabalos de cores insubmisas, a liña do horizonte está á espreita dun temporal de bolboretas. Esa natureza insurxente abrangue as persoas humanas e non humanas, e mesmo as máquinas: a báscula de Ohio que pesa cousas e emocións, o rancor dos tractores nas granxas abandonadas… E abrangue a linguaxe, as palabras que, como velairiñas arredor da lámpada, loitan contra a extinción, desvelan un misterio e crean outro, como corpos que se agochan en almas.