Man desde a ficción

Manfred Gnädinger

Manfred Gnädinger

O viaxeiro radical
Xerardo Quintiá
Editorial Galaxia, Vigo, 2015, 216 páxinas

Desde o ano 1997 sigo con especial interese a obra narrativa de Xerardo Quintiá (Friol, 1970). Fiquei cativado pola súa primeira peza narrativa, Finísimo po nas ás.Virían despois outras entregas que confirmaron a mestría narrativa e a modernidade dunha escrita que non rexeita nin a metaliteratura nin o minimalismo. Regálanos arestora esta peza, O viaxeiro radical, una recreación da aventura vital de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man ou o Alemán de Camelle. O escultor e “filósofo” que, na súa segunda vida, fixo de Camelle a súa definitiva morada, e da natureza o lenzo da súa arte, nun diálogo coa luz, coas pedras, co vento…na procura sempre da liberdade. Porén, a fabulación de X. Quintiá é fiel aos fitos biográficos máis importantes de Manfred Gnädinger: a súa vinda a Camelle no ano 1962, o seu gusto pola repostería, a creación do museo de Punta do Boi, a detención e o xuízo por unha falsa acusación de abusos e violación dunha nena, a catástrofe do Prestige, o seu pasamento.
O autor estrutura o texto en tres partes que se corresponden coas tres viaxes de Man e coa asunción dunha vida radical, feito que lle supuxo así mesmo tres renuncias. Tamén na recreación ficcional da vida de Man, a viaxe, unha metáfora universal, actúa de fío condutor. Viaxes que, secasí, non soamente son percorridos físicos,senón tamén rutas cara ao interior do mesmo personaxe. Na primeira delas, Manfred parte do lugar natal co propósito de se converter nun grande artista. Arriba a París, mais pronto se decata que non era aquel o lugar apropiado para un mozo afeito a andar polos montes da Selva Negra coma un xabaril. Na viaxe cara ao sur, acada Camelle, onde a xente o recibe con curiosidade e agarimo. A racha das súas inxenuas ilusións amorosas, faino ficar baleiro, e comeza a súa segunda viaxe, un itinerario cara ao interior, coa renuncia á arte convencional e o traballo creativo sobre a natureza con construcións coas que ergue a seu museo, a súa verdade. A terceira é unha viaxe cara ao silencio definitivo, nun acto de desesperación total, cando a balea negra do Prestige empapuza as rochas de beiramar e estraga as súas creacións artísticas.
X. Quintiá incorpórase con esta novela á tendencia de algúns narradores contemporáneos de converter a persoas reais en personaxes de ficción. O escritor de Friol novela un personaxe real e amósanos como un home é capaz de se construír a si mesmo, malia a súa fatalidade crónica, erguéndose desde a nada, vivindo á marxe das convencións, nunha radicalidade vital que lle ocasionou non poucos conflitos cos veciños de Camelle.
Con bo tino emprega o autor elementos moi produtivos a nivel narrativo: analepses para lembrar intres importantes da vida do personaxe, pausas narrativas, o relato dos enfrontamentos cun pai autoritario, a especial relación que xorde co irmán Hackett que fai lembrar a Theo e a Vicent van Gogh, a importancia da arte non convencional para un personaxe que no procura méritos nin rendementos económicos. Só ser intermediario entre a intelixencia e a natureza. Foi esa a escolla existencial absolutamente radical de Manfred Gnädinger, captada a través de enfoques ficcionais e ganduxada cun soporte lingüístico ateigado á vez de sinxeleza e frescor.

(Texto publicado o día 10 de setembro de 2015 no xornal Faro de Vigo)