A escrita existencial e cristalina de Camilo Gonsar

A noite da auroraA noite da aurora
Camilo Gonsar
Editorial Galaxia, Colección Literaria, 206 páxinas.
(Libros de fondo)

No ano 2003 produciuse o retorno á literatura de Camilo Gonsar (Sarria, 1931 – Vigo, 2008). Un retorno longo tempo agardado dun estilista puro e, no seu día, anovador da narrativa galega. Desde aquel libriño, aquela escolma de relatos do ano 1995, Arredor do non, Camilo Gonsar non sentira a urxencia de publicar. Camilo Gonsar -Camilo González Llanos- alleo a présas compulsivas, a parladoiros, a vaidades e figuracións, continuou, porén, coas súas andainas literarias e existenciais, plasmadas ben en relatos curtos, ben en pezas de alento longo, como esta Noite da aurora, a súa derradeira obra literaria. Como homenaxe póstuma, Galaxia publicaría no mesmo ano do seu pasamento os seus relatos curtos reunidos no só volume, Relatos completos 1961-1995.
Camilo Gonsar foi un anovador das letras galegas. Adscrito por críticos e estudosos a aquela ondada coñecida co nome de Nova Narrativa Galega que trouxo, nas décadas dos cincuenta e dos sesenta, unha reste de elementos modernizadores a unha literatura ancorada no ruralismo e no costumismo. Con todo, Camilo Gonsar amosouse en xeral como un narrador realista e menos vangardista, nomeadamente nos aspectos formais, que outros membros da Nova Narrativa Galega, cuxo ciclo textual remata en 1970. Xa na novela que precede a esta achega do ano 2003, A desfeita (semirreportaxe) do ano 1983, Camilo Gonsar abandonara os presupostos da Nova Narrativa Galega e centrárase na denuncia dunha sociedade caciquil, con referencias á realidade social e política galega. Un precedente, xa que logo de A noite da aurora.
Nesta peza, o autor síntese designando, aínda que ignorando os motivo, como o destinatario idóneo do relato de Lor, un dos principais personaxes e relator da novela. Unha fución que apenas pasa de ser mero oínte, segundo o artificio literario do que se serve Camilo Gonsar. O encontro co personaxe ten lugar en Reikiavik, a terra de Snorri Sturluson, berce dos máis grandes poetas da épica medieval, a “Illa das Sagas”. Mais o que escoita e transmite non é unha saga, senón un relato tímido e en ton menor. Porén, todo é literatura, como nos pon de manifesto a advertencia limiar. Xa que logo, a súa única existencia é a que lle pode proporcionar o acto fabulador. A coincidencia -puro artificio literario para xustificar a orixe da novela- ten lugar no mostrador dun banco da capital de Islandia, onde o autor e Lor atópanse trocando moeda. O relato que escoita e que reflectirá a novela, recíbeo desdebuxado, esfumado, tal como vellas fotografías, e versa verbo de lembranzas depositadas durante tres décadas no fondo da memoria do protagonista. Sen solución de continuidade, o relato lévanos desde Islandia a unha vila galega, P., que non corresponde a ningún topónimo , e máis en concreto, á cantina da vella estación de ferrocarril da mesma localidade. Alí coinciden tres amigos co cantineiro, un antigo colaborador dos maquis (“atracadores”, segundo o eufemismo oficial) que actuará case que como testemuña. Na cantina xogan, beben e falan, tentando evardirse da existencia grisalla e monótona de P. E, a medida que as sesións se suceden, o relato vainos presentando con grande mestría o retrato minucioso dos catro personaxes, algúns moi complexos, outros non tanto. Personaxes moi ben caracterizados psicoloxicamente, recollidos dunha realidade histórica concreta e imbricados no tempo da posguerra; deseñados polos seus actos ou incluso pola lingua na que se expresan, trazo que nos lembra o recurso que Camilo Gonsar xa empregara nas súas primeiras obras.

Camilo Gonsar

Camilo Gonsar

Ata que chega a Noite da Aurora a aparece o Río, a cisma do Río, un elemento claramente simbólico -abonda con ler a cita introdutoria de Vicente Risco-, o Río que “necesitaba” un afogado cada ano. E se non se lle ofrece esta peaxe, faránolo pagar con castigos. Xurde de consún entre eles a necesidade de cambiar de vida a atravesar fronteiras. Será a decisión radical de rachar co pasado e abandonar a propia patria, cambiar de vida, coa promesa do retorno pasados trinta anos. Un baño no Río, nunha noite de invernía, simbolizará a despedida dos tres amigos da vida de rutina de antes.
En A noite da aurora, están presentes a maioría das teimas da escrita de Camilo Gonsar: o dualismo antitético dos seus personaxes, a súa complexidade humana, a presenza irracional de forzas telúricas e as reflexións, tan camilianas sobre o sentido da existencia humana e sobre o tempo (“¿Para que existes? Para nada. Moito mellor se non existises”, “¿É o tempo un produto da nosa mente ou hai un eterno retorno?”).
O desexo de claridade estilística e de trasparencia narrativa son trazos constantes na escrita de Camilo Gonsar. A súa derradeira obra en vida segue sendo fiel a esta constante. A noite da aurora é pois logo un verdadeiro agasallo de prosa precisa, estrita, quizais lacónica, pero cristalina. A prosa de cristal dun dos arquitectos públicos da linguaxe novelística, como no seu día escribiu Méndez Ferrín