“Elos de cinza”: lendas milenarias e paisaxes míticas

Elos de cinzaElos de cinza
Xosé M. Lobato
Ensenada de Ézaro Ediciones, Santiago de Compostela, 2015, 126 páxinas.

Ézaro Ediciones publica unha escolma de relatos de Xosé M. Lobato que nacen porén cunha certa unidade. Dez secuencias estruturadas en doce relatos que o autor rotula co termo “Inspiracións”. Xosé Lobato non é un debutante no eido da escrita. Autor de varios libros, tanto en galego como en castelán, publicados todos eles a partir do ano 2001. Agasállanos arestora con este libro de historias, Elos de cinza, un verdadeiro ballón de imaxinación ao servizo da nosa mitoloxía e da natureza galega. Un libro que se nutre das lendas ancestrais de Galicia, recuperadas, agrandadas e mesmo recreadas cos primores dunha prosa poética de moitos quilates, máis quizais desmedida.
Da comezo o libro cun avó e o seu neto sentados no picote do Pico Sacro. O cativo escoita coa ilusión dunha crianza inocente a historia dunha señora, unha Moura que cada ano sae unha noite para cantar e danzar un baile milenario e que o avó, depositario dos documentos do legado familiar, relata ante o asombro do neno. Degraña logo Xosé M. Lobato unha verdadeira saga mitolóxica e telúrica, esteada nas nosas lendas e na nosa paisaxe, en certos lugares míticos da natureza galega, na que se suturan lendas milenarias como as dos lobos nos montes de Fonsagrada, as presenzas espectrais de Pena Folenche e o castro de Santa Mariña. Outros relatos recrean certos episodios da nosa historia medieval como a do irmandiño García Cordo, coñecido polo alcume Lopo do Outeiro; ou a do traslado do corpo de Santiago desde Iria Flavia a un lugar seguro feita polos seus discípulos Teodoro e Anastasio que no monte Ilicinio conseguen bois amansados para a carreta grazas a un feixe de lóstregos.

Xosé M. Lobato

Xosé M. Lobato

Boa parte das prosas de Elos de cinza xira arredor das historias lendarias do Pico Sacro. Unha verdadeira armazón de serras, cumios, ríos cos seres que os poboan (mandas de lobos, os paxaros e os seus cantos…) converten a paisaxe non só no espazo destes relatos-inpiracións, senón tamén no verdadeiro protagonista dos mesmos: a Pena Folenche, o Castro de Santa Mariña, o ar máxico da contorna do río Sil, o asento milenario do Castro de Baroña que fai un dúos perfecto coa furna de Punta Louro, a paisaxe salvaxe do Xurés, a Cova da Moura nas terras pedregosas da Baixa Limia, o areal de Corrubedo, o pedregal de Irimia, o alto da serra de Candán ou os meandros do Lérez. Todos eles inmersos na maxia das crenzas ancestrais. Todos son asemade asentamentos privilexiados para a morada dunha deusa afortunada, a Espírito Moura, viaxeira de pegada lendaria que se despraza “na súa atípica bondade” desde o Pico Sacro e as ventadas xanelas atlánticas ata os cumes do Xurés.
Historias esvaradías que se perden na laña dos tempos e que Xosé M. Lobato recrea, dotándoas como digo de novos e insólitos contidos, engalanándoas cunha prosa fortemente poética, un lirismo moi musical, quizais desenfreado que por veces encubre o contido destas historias lendarias e pode dificultar a súa lectura.