“Emparellados e tres nenas”: de amores e desamores

Emparellados e tres nenasEmparellados e tres nenas
Mario Caneiro
Edicións Barbantesa, Cangas do Morrazo, 2015, 100 páxinas

Vinte e seis relatos breves, algúns deles premiados en certames literarios, forman esta escolma que Barbantesa deu ao prelo e escribiu o naronés Mario Caneiro; nacidos, como confesa o mesmo autor, nunha noite “perfumada de mencías afroitados”, da idea de que o amor navega por eles con derrotas e rumbos incertos. Relatos, de por parte, que comparten as características da literatura minimalista e da narrativa de recompensa inmediata: o microrrelato que nacera en Arxentina na década de 1950, cando Bioy Casares e Jorge Luís Borges publicaron a antoloxía Narraciones Breves y Extraordinarias, na que aparecen relatos de dúas páxinas e ata de dúas liñas. A esta arte pigmea engádeselle na escolma narrativa de Mario Caneiro o trazo da escrita minimalista, ese estilo seco, elíptico, suxerinte que iniciara Hemingway e cuxas bondades fixera estourar Raymond Carver.
Mario Caneiro articula esta colectánea de textos a base dun desfile de personaxes e cunha idea subxacente mais dominante na meirande parte dos mesmos: a importancia, o monoteísmo do amor e o seu inexorable tránsito cara ao desamor. Gorentamos a forza do amor como o espertar dun soño de verán cando xa se anunciaba o inverno (“Soño de verán”). Ou do amor nunha parella moi distinta pola súa forma de vestir, unida polo amor maternal dela cara el, “estilisticamente indefenso” (“Parella”). Mais, como digo, en boa parte destes relatos, Mario Caneiro desmitifica as relacións sentimentais entre emparellados: o amor convertido nunha estafa, nun vivir a conta da muller, mentres o lacazán do home papa pipas e ve a televisión, coa seguridade de que ela o quere e xa se encargará de comprarlle pilas para o mando a distancia (“O amor permanece”). O desamor instálase en dúas parellas por culpa do aburrimento cando “un día empuxa outro” (“A bondade”).
Atopamos noutros relatos a mesma idea do amor percorrendo os camiños do desamor: “O orgasmos non era nada”, “Sabedoría” (o desamor chega coa mesma velocidade dun frechazo). A muller que deixa a súa parella por cansazo, porque prefire o baleiro (“Somos civilizados”). Amores esmorecentes, afónicos polas dúbidas e as sospeitas; ou mesmo melancólicos: a parella acostumada ao amor pequeno, que o terá que deixar por medo a que un día medre (“Amor portátil”). Tamén o amor ao que todo lle vale, malia o paso do tempo e as derrotas físicas nun relato (“Sobre”), cun final realmente desapiadado e cruel, como acontece nalgún outro, especialmente en “As moscas”, un relato cun desenlace que nos lembra algúns do mellor Carver logo de sufrir as podas de Gordon Lish.

Mario Caneiro

Mario Caneiro

Relatos que penetran con seguridade nos sentimentos femininos -son elas polo xeral as que deciden as rupturas-, adobiados con boas doses de ironía a parodia. Pero, sobre todo con bo dominio da gramática do microrrelato: títulos que exercen con eficacia unha función orientadora; economía lingüística, núcleos diexéticos, explícitos ou implícitos e altamente condensados, ditan contextos, suxiren significados e os seus personaxes tenden a ser triviais, por veces inexpresivos, nunca ricos ou famosos e viven historias que son fragmentos de vida.
Cómpre dicir finalmente que a feitura lingüística, nomeadamente naqueles relatos que non condensan a súa estrutura narrativa, revela unha prosa grácil que o autor manexa con destreza, exhibindo por veces verdadeiros acertos expresivos.