O tempo de Midas

A maldiçao de MidasA maldição de Midas
A cultura do capitalismo tardio
Francisco Louçã
Livros Cotovia, Lisboa 1994, 204 páxinas
(Libros de fondo)

Este libro, editado hai mais de vinte anos, non perdeu actualidade. Ás avesas, é hoxe máis actual que nunca porque o que Francisco Louçã (1956) prognosticaba no ano 1994 para o horizonte perdido do Sur, está batendo con forza en moitos países do marabilloso mundo do Norte. Como tal en España onde, segundo a FAES, unha fundación ben pouco sospeitosa, a taxa de pobreza é insoportable. O seu autor é un coñecido político e economista portugués. Coordinador do Bloco de Esquerda ata o ano 2012. Deputado desde 2002 en distintas lexislaturas, e candidato nas eleccións presidencias de 2006. Na actualidade exerce tamén como profesor catedrático do ISEG na Universidade Técnica de Lisboa. É asemade asesor do goberno grego de Syriza.
Son moitos os interrogantes que Francisco Louçã nos achega en A maldição de Midas. Entre eles: estamos vivindo no mellor dos mundos historicamente coñecidos como teimaba convencernos nos seus derradeiros anos Karl Popper? É algo que, se o pensamos un pouco, non deixa de ser a pura verdade, respondía o autor do obituario que a Popper lle dedicou unha revista galega de pensamento. Este libro bota a andar nunha constatación parella: “What a wonderful world”, escoitamos na canción de Louis Armstrong que resumía en outubro de 1967 o perfil e máis o diagnóstico que adoito cremos ter desta era histórica que nos tocou vivir.
Un mundo marabilloso que pensabamos que era algo consubstancial co Norte, porque no Sur, ese horizonte perdido que despois do colonialismo e ducias de anos de programas de desenvolvemento xa non está no mapa. O Sur cántalle a este mundo magnífico e feliz con ritmos ben distintos, ritmos que se cadra nos arrepían, mais son pouco sospeitosos, pois as pezas foron compostas polos peritos do Banco Mundial: os “absolutamente pobres”, aqueles que dispoñen de menos de un dólar ao día son actualmente máis de mil millóns no planeta; cincuenta e tres anos é a fronteira da esperanza de vida en África e está a diminuír; os mais de quiñentos millóns de habitantes da África subsahariana, poboación que se dobra cada vinte e tres anos, produce tanto como Bélxica con dez millóns. E todo o que produce xa está comprometido coa débeda externa.

 

Francisco Louça. Foto: Marta Jara

Francisco Louça. Foto: Marta Jara

Con todo, non é esta publicación de Francisco Louçã unha concesión panfletaria ás demagoxias resesas e trasnoitadas, mais si un inquérito, fundamente alicerzado na obviedade das cousas, na realidade do noso mundo e na interdisciplinariedade do saber, ao que fica deste mundo dourado -que non de ouro-, neste tempo de pasaxe e de mudanza acelerada que é a posmodernidade e o ultraliberalismo. Un interrogante que se espalla igualmente a ese incógnito mestre de cerimonia que é o mercado e ao seu percorrido polos catro puntos cardinais onde sempre triunfou. É o tempo de Midas que nos nosos días achéganos agasallos envelenados e converte o ouro en miseria.