Nos cumes do monólogo interior

As Ondas de Virginia Woolf reducidooooooooAs ondas
Virginia Woolf
Tradución de María Cuquejo
Editorial Galaxia, Vigo, 246 páxinas.
(LIBROS DE FONDO)

Editorial Galaxia, en tradución de María Cuquejo verteu no seu día á lingua de noso unha das grandes obras da literatura de todos os tempos. Trátase de As ondas de Virginia Woolf que aparece na colección “Clásicos universais” da Editorial viguesa, colección que botou a andar hai máis de dez anos e coa que a nosa editora decana segue a contribuír dun xeito impagable á consolidación do sistema literario galego. Porque a versión dos clásicos, das grandes obras da literatura de todos os tempos, tamén das grandes novidades actuais, e, malia que moitos deles non acendan paixóns lectoras, son imprescindibles como alicerces dunha lingua e dunha cultura que loitan por medrar e acadar un grao aceptable de madurez. Eles son, en analoxía da que gustamos, os mananciais de reserva dunha lingua, o noso substrato cultural. Benvidos sexan pois os esforzos da editora viguesa e a tradución de María Cuquejo dun texto complexo coma poucos, onde non hai acción, pero si reproducción de estados de conciencia, inzado de linguaxe poética, de imaxes, de construccións gramaticais rachadas sintacticamente.
As ondas foi publicada en 1931 e tenta reproducir a vida dun grupo de amigos desde a infancia á idade adulta, dun xeito diferente e pouco convencional. Como dixo Borges, en As ondas non hai argumento, non hai diálogos, non hai acción, pero si vidas condensadas que flúen -en verbas afortunadas de Otero Pedrayo, outro escritor que dialogou con Virginia Woolf- nas “intensas avenidas do xardín interior”. A escritora inglesa (1882–1941) representa un verdadeiro fito na literatura británica e como muller, a loita titánica entre os desexos, os soños, as expectativas e pescudas do ser persoal e da propia afectividade.
A captación da temporalidade ten en Virginia Woolf, xunto con Joyce e Proust e no que atinxe á prosa narrativa, un dos clásicos modernos máis universalmente recoñecidos. Mais a diferenza dos edificios monumentais e unitarios de Ulises e A la recherche, Virginia Woolf eternízaa nun feixe de novelas e relatos breves, non todos da mesma altura. Unha das máis sobranceiros é The waves (As ondas ), quizais a súa novela máis novidosa, tanto na súa estructura como no seu ton, e modelo por excelencia do monólogo interior, ese diálogo interiorizado entre un locutor e un eu receptor, conquista da narrativa do século XX, pero con antecedentes nalgúns autores do XIX (Stendhal e Dickens nomeadamente). O narrador, como no seu día sinalou Varela Jácome, troca a memoria lóxica, que sutura o presente co pasado, por unha memoria poética, que afonda no sentido da vida, no subconsciente e permite achegarnos ás secretas intimidades dos protagonistas, amosándonos o que rumian os seus cerebros. “O río da conciencia transfórmase nunha sucesión de palabras”. En As ondas atopámonos cun exemplo cimeiro e dificilmente igualable do monólogo interior.
Todo está narrado con este recurso, a través da voz de cada un dos seis personaxes. A penas acontece nada. Non hai nada fóra do común. A escritora preparouse a conciencia para este proceso. En 1928, cando xa

Virginia Voolf, retrato de Vanessa Bell

Virginia Voolf, retrato de Vanessa Bell

era autora aplaudida de Orlando, A señora Dallaway e Cara ao faro, deixaba constancia no seu diario da intención de eliminar todo desperdicio, o superfluo, as cousas mortas, para reflectir o momento enteiro, mesturanza de pensamentos, sensacións, voces do mar. O resultado desta “tentativa completamente nova” no interior da literatura, foi As ondas, titulada provisionalmente entre 1928 e 1929, As Bolboretas.
Bernard, Neville, Louis, Jinny, Susan e Rhoda. Seis personaxes, seis voces que falan, non unhas con outras, non cara fóra, senón dentro de si. Seis versións quizais dun único rostro que vai perdendo, nun horrible proceso, a súa vitalidade ata abandonar as gañas de vivir. As voces destes seis personaxes e unha enxurrada caótica de imaxes e palabras que xorden en cada momento dentro dos seus cerebros. Son eles, as súas voces interiores como transcrición das súas conciencias – sen análises nin xuízos á marxe – as que nos conducen polas etapas da súa vida, desde a infancia ata a madurez. É o tempo da vida humana. Cos anos complicaranse os mundos interiores destes personaxes, mais as súas voces quedan, permanecen, como irreal e lírica versión indirecta do contido de cada mente en cada instante. Mentres, noutro tempo, este sen personaxes, o sol viaxa ao longo do día e fai que as ondas rompan na praia. En resumo, novela experimental, estructuralmente moi complexa e moi rica que demanda o esforzo dunha verdadeira lectura poética.