Repertorio e reservorio mindoliterario

Mondoñedo literarioMondoñedo literario reducidooooooooooo
Armando Requeixo
Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, 2014, 210 páxinas

Este volume que viu luz en novembro de 2014, mais que chega as miñas mans nestas datas, confirma máis unha vez, o que escribín no ano 2011 co gallo da edición de Criticalia: que Armando Requeixo é un dos analistas, estudosos e críticos literarios máis importantes e produtivos nos últimos vinte e cinco anos no noso sistema literario. A súa última achega, Mondoñedo literario, engádese a largacía escolma de recensións críticas recollidas no volume de 2011. Máis de 361 páxinas de Criticalia reproducían unha mínima antoloxía de recensións críticas de Armando Requeixo publicadas en medios galegos de comunicación escrita nos vinte anos precedentes. E o volume ao que me refiro, enche un oco e nace dunha devoción. Esta última é a afección e benquerenza que Armando Requeixo sente pola terra que o viu nacer, Mondoñedo, e a súa “insubornable querenza pola literatura mindoniense” (páxina 7). O oco: poñer por xunto centos de páxinas dedicadas a dar a coñecer esa literatura da patria da súa nacenza mediante escritos redactados e publicados en xornais, revistas e no seu blog literario, verbo de asuntos literarios mindonienses e os principais personaxes e figuras da escrita do vello Reino de Galicia, unha terra de letras moi fértil.
Recolle pois Armando Requeixo neste volume unha parte importante dos seus escritos mindonienses. Non todos xa que iso faría que o volume fose inmanexable. Monografías ou longos estudos introdutorios non figuran nas páxinas desta antoloxía que soamente compila ensaios e artigos de moderada extensión ou de non fácil localización, nalgúns casos.
Achéganos pois o autor as voces máis selleiras e coñecidas da escrita mindoniense: Manuel Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela, Xosé Díaz Jácome, Álvaro Cunqueiro, César Cunqueiro, Marina Mayoral, Antonio Reigosa. E tamén outras menos coñecidas, mais que son igualmente representativas do Mondoñedo literario, algunha desaparecida recentemente: Eduardo Lence-Santar, Ricardo Pedreira, Xosé Ruiz Leivas, Luís Enrique Cabanela, Félix Villares, Antón Meilán, Francisco Piñeiro, Xosé Ramón Freire Sánchez e Isabel Moral.

Armando Requeixo

Armando Requeixo

Unha última sección, “Varia silva mindoniense” dálle acubillo a escritos de diversa extensión nos que pon en relación a escritores e escritoras mindonienses coa escrita doutros creadores de gran relevo na literatura galega (Rosalía, Castelao, Iglesia Alvariño, Fole, Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego, entre outros). Ou afonda na evolución da prensa mindoniense ao longo dun período dilatado de tempo que vai desde o comezo do século XIX ata o presente, cunha especial referencia a Amencer, a cabeceira do Seminario de Santa Cataliana, que desde 1982 ata hoxe é testemuña da realidade social e cultural da cidade. Outros estudos de variada extensión analizan o traballo investigador do grupo “Chaira” é o da “Escola Etnográfica Mindoniense”; escolman os e as poetas que agroman tan feraces como “as néboas feéricas que asolagan…a capital do vello Reino de Galicia”.
Xa que logo, un ricaz repertorio e “reservorio” mindoniense que inclúe colaboracións aparecidas entre 1991 e 2014 e que nos achegan unha veraz radiografía na que se deixa ver a sagacidade e a profundidade, malia a brevidade da meirande parte dos textos, dun traballo de investigación, nalgúns casos tamén de divulgación, realizado por un dos máis acreditados e conspicuos estudosos e esculcadores da literatura de noso.