Anos martelados. Picelando a emigración

Cuarto Minguante de Bautista AlvarezCuarto minguante
Bautista Álvarez
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 205 páxinas

Aínda que foi no ano 2013 cando Bautista Álvares se deu a coñecer ao gran público como narrador de libros de relatos, Retallos daquela infancia, o autor de Cuarto minguante que recentemente viu a letra de molde, nunca abandonou a súa vocación literaria -lembremos que foi membro do grupo Brais Pinto-, se ben case sempre a mantivo subordinada a súa delongada actividade política. É arestora, xa xubilado das xeiras políticas representativas, cando B. Álvarez volve a súa vocación literaria orixinal, ao mundo da literatura.
Cuarto minguante, como xa acontecera coa súa primeira peza narrativa, aléitase nas experiencias e vivencias do propio escritor no seu lugar de nacemento, o concello de San Amaro (Ourense) e na súa bisbara, nas décadas dos anos cincuenta e sesenta, anos nos que os emigrantes galegos se espallaron por Latinoamérica e máis tarde por Europa . Son anos martelados aínda pola miseria da posguerra, nomeadamente na Galicia rural, e a única vía de escape da pobreza ou do arado era a emigración ou o seminario e o convento.
O autor achégase, como digo, á emigración galega en América e en Europa, porén non é esta novela unha historia da nosa emigración, senón un relato ficcionalizado , se ben en boa parte alicerzado na realidade. B. Álvarez dálle entrada ao protagonista da novela logo de agasallarnos cun prólogo á vez reivindicativo do hábito da lectura e rebuldeiro, no que nunhas liñas resume con humor retranqueiro a historia do escritor Marcial Lafuente Estefanía e as súas relacións no desterro de Vigo co policía Benito Cornudo e a súa dona. É Ismael o heroe do relato e coa súa biografía dá comezo a novela. Nacido coxo, fillo de nai solteira no lugar de Loucía. Como coxo escolle como saída a profesión de xastre.
Con grandes doses de humor e ollada realista, o autor describe a vida e as pequenas andanzas, as ilusións e desilusións do protagonista vivindo da agulla. O reparto da herdanza familiar provoca que Ismael colla os

Bautista Álvarez

Bautista Álvarez

camiños da emigración rumbo a Venezuela, mais vai parar a Río de Janeiro. Pronto cambiará os aires de Brasil polos do Mar da Plata, entre outras razóns, ademais das pecuniarias, porque Buenos Aires é galego. Despois de retornar a Galicia e traballar de xastre de pantalóns de dril na aldea da súa nacencia, busca outros vieiros na emigración a Suíza.
Entremesturando centos de anécdotas, moitas delas de natureza popular, acontecidas tanto na bisbarra natal do protagonista como nos mundos da emigración, B. Álvarez picela literariamente a emigración galega na segunda metade do pasado século. A humilde epopea dos nosos emigrantes que percorren medio mundo para poderen erguer unha casa logo do seu retorno. Bautista Álvarez cóntanos a emigración galega dos anos cincuenta e sesenta, e faino como narrador omnisciente en terceira persoa.Un narrador que ten conciencia do que está narrando e ata fai reflexións e apuntamentos verbo do seu labor. Mesmo por veces el mesmo introdúcese no relato. Retrato pois moi realista da Galicia rural, do vivir cotián, hoxe xa desaparecido, das nosas xentes do mudo rural, bosquexado con grandes doses de humor e ironía, sen idealizacións, mais sen tremendismos, e cunha lingua de indubidable xinea popular, recuperando un grande amoado de expresións e palabras esquecidas. Xa logo, unha novela que ofrece unha lectura pracenteira á vez que describe a épica dos nosos emigrantes nos anos cincuenta e sesenta.

(Texto publicado o día 21 de maio de 2015 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)