Confesións dun depredador sexual

Son noxentoSon noxento mellor
María Xosé Queizán
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 108 páxinas

Cunha historia contada desde a perspectiva do principal personaxe, Suso, un verdadeiro depredador sexual que lembra o seu repelente pasado desde o cárcere, María Xosé Queizán, narrando con firme pulso e ao mesmo tempo cun ton hilarante, dá luz ao relato dos atropelos e abusos dun ser abominable que certamente provocan arreguizo. Nunha novela curta cuxa lectura tira do lector, non só polo tema e interese da historia que nos achega, senón tamén pola linguaxe, asemade abominable, mais enteiramente congruente xa que reproduce o rexistro lingüístico destee machista depredador sexual de calquera muller, sen excluír a súa propia filla, co agravante de que se deleita co seu propio comportamento, coa súa cruel brutalidade e coa dor dos outros, sobre todo co das mulleres.
Artella María Xosé Queizán a súa historia a través dun arrepiante e á vez tráxico-cómico monólogo interior no que Suso, o protagonista, lembra, en primeira persoa e desde o cárcere, no que sofre condena sen que o lector saiba o motivo da mesma ata o final da lectura, a súa condición de depredador sexual, oufanándose sempre da mesma. Suso considérase a si mesmo non home dunha soa femia, senón o fodedor de todas, mais tamén supernoxento, un ser monstruoso. Porén, como digo, sen ningunha atrición. Dá un braguetazo e casa cunha nena ben, consentida, filla dunha familia rica e tradicional, e aloucamente namorada del.
Alternando o relato da súa estadía no cárcere co da súa relación co seu sogro e a súa filla, a novela achéganos a arrepiante historia deste gran fodedor que é como el se ve. Por curiosidade introdúcese na pedofilia e na mesma atopa un pracer especial. É así como se converte no repelente violador da súa filla adolescente, coa colaboración do comportamento covarde e pusilánime da súa muller que atura todo e xoga a encubrilo.
A novela, xa que logo toca sen eufemismos temas tabús no ámbito privado como o da pedofilia incestuosa que a sociedade tende a ocultar. O relato de María Xosé Queizán, como non podía ser doutra maneira, é belixerante contra o comportamento desde ser amoral e repelente. Mais tampouco transixe coas mulleres que cobran vida no relato, nomeadamente coa muller de Suso e nai da filla violada. Unha muller consentidora que lle segue o xogo a súa parella masculina. A autora repúdiaa como persoa, mais como feminista manifesta que, mentres exista unha ética privada e outra pública, esa muller non pode ser xulgada coma un home.

María Xosé Queizán

María Xosé Queizán

No relato describe perfectamente a autora o clima do cárcere e as súas clases e rangos humanos. Así como a hipócrita farsa que vela as interioridades dalgunhas parellas burguesas. E a través dos abusos e da explotación dos obreiros e empregados que comete o sogro do protagonista, fai unha crúa e veraz referencia á actual crise.
O vocabulario “abominable” que a autora pon na boca do protagonista sen ningún eufemismo, non só consegue o que a escritora escribe nas palabras introdutorias, tiradas dunha referencia a Amelia Valcárcel (“a ética e a estética…neste caso invalídanse”), senón que fai innecesaria calquera sorte de pronunciamento ou condena moral explícitos desde a literatura destes comportamentos noxentos. Así pois, unha afouta novela curta, subxénero no que a autora amosa máis unha vez a súa mestría.