Viaxes pola memoria

A busca da orixe perdida das especiesA busca da orixe perdida das especies
Cristina Pavón,
Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2015, 91 páxinas

A autora desta colectánea de relatos, Cristina Pavón, ten acometido na súa narrativa a construción e o agromar da identidade, a erosión do eu, subliñando a posición que neses procesos xogan a memoria e a linguaxe. Arredor da memoria orbitan estes cinco relatos que se fixeron merecedores do Premio de Narrativa Ricardo Carvalho Calero 2014 do Concello de Ferrol. A obra, en efecto, rotulada co rubro do derradeiro, é un presado de relatos que nos achegan á memoria desde distintas ópticas, entreverando nalgúns deles elementos de ficción científica, noutros experiencias vivenciais e desenvolvéndose algún case coma un ensaio. Cinco relatos de natureza distinta que nos abeiran á memoria, á perda, procura e construción da memoria.
Esa viaxe á memoria comeza cun relato de ficción científica na procura da ruleta das memorias involuntarias, nunha máquina que leva o nome de Proust, o escritor que precisamente mantiña que a verdadeira viaxe parte da memoria. A protagonista recupera na máquina Proust todo o que ficara gravado no seu cerebro, o seu eu esquecido, sobre todo o da súa nenez e adolescencia. Mais esa memoria involuntaria é tamén unha memoria aditiva. Unha adicción que converte á protagonista nunha ionqui que precisa da súa dose de egotrips. Xa que logo, un provocativo relato sobre os engados e riscos de viaxar ao pasado. Nos tres relatos seguintes prodúcese na narración un xiro radical. Desde as paraxes científicas os relatos camiñan cara a prosas cunha tonalidade vivencial, esteadas posiblemente nas propias experiencias da autora no entorno familiar. Tal é o fío condutor de “Sara e os años”, relato no que a protagonista, vítima de trastornos emocionais, c asociados co terror (“a queimadura do pánico”), retorna aos escenarios da súa infancia nos que emerxen recordos sepultos, o peso da culpa por unha responsabilidade asumida que remata en traxedia, e o sabor terrible dun abuso sufrido no entorno familiar da súa nenez que identifica como a causa sepultada na súa mente dos trastornos que experimenta de adulta. A protagonista de “Culler, culler, culler” retorna desde o alzheimer que lle roe os miolos, á memoria da súa infancia e, nunha amalgama de coñecementos científicos e antropolóxicos, pescuda no sentido da orixe dos seres humanos. E atópao nos avós, na “pandeirada ancestral” e na súa capacidade para o emprego de ferramentas que nos converten en humanos. No cuarto relato, “O pomo da porta do paraíso era unha castaña”, unha muller adulta que

Cristina Pavón

Cristina Pavón

sofre un engano na súa nenez e, xa que logo non ten interese en medrar e chegar a ser un deles, ao poder volver a ollar o paraíso perdido da inocencia, decátase de que os ciclos da vida son irreversibles. Finalmente no derradeiro relato, un híbrido de ensaio e pequenas doses de ficción narrativa, a autora arríscase a establecer paralelismos entre Darwin e Proust, partindo dunha simetría fundamental: a memoria como pedra angular nas súas respectivas pescudas na vida e no tempo.
Relatos que vogan pois nas ondas das lembranzas. Que desafían coa súa gordura diexética e a súa extensión o formato do relato breve e fano cun tecido narrativo de gran calidade. Fondura e prestancia da expresión lingüística que frutifica nun estilo forte, puído e innovador que atesoura non poucos neoloxismos, de natureza científica sobre todo.

(Texto publicado o día 23 de abril no suplemento Faro da Cultura, páxina VI do xornal Faro de Vigo)