País encantado. Un rexistro da fantasía de noso

Galicia EncantadaGalicia encantada
O país das mil e una fantasías
Edición de Antonio Reigosa
Edicións Xerais, Vigo, 2014, 240 páxinas.

 
Este volume ten unha orixe virtual e colectiva. Hai por volta de dez anos que Antonio Reigosa iniciaba na internet o proxecto Galicia Encantada, que nacía para facer visible o noso patrimonio inmaterial: contos e lendas de tradición ou narración oral gardadas na memoria colectiva. De vagar chegaron colaboracións, viron luz novas seccións e ata houbo folgos para crear unha revista dixital. Arestora, unha pequena parte do publicado na internet fíxose enciclopedia virtual. A publicación, en edición de Antonio Reigosa, achéganos un cento de historias, un mostrario do gran almacén mitolóxico e contístico galego, transmitido a través da oralidade. E de algunha maneira, malia que o material que recolle o libro non contén alíneas de análise ou interpretación, senón unicamente exposicións e divulgacións, constitúe o noso imaxinal, o imaxinario simbólico cimentado en pegadas inmemoriais. Simboloxías culturais que veñen moi de lonxe, arroladas no mundo da fantasía dun país de miles de anos de memoria, transmitidas en narracións de xinea popular, a través da tradición oral.
Nas pequenas narracións de Galicia Encantada cóase a inmensa fervenza dos seres míticos galegos; o poder de certos seres ou obxectos; as criaturas do transmundo que copón a cerna da sosa simboloxía, como tal, o poder do corno de alicornio para picadas e velenos, amuleto asemade contra os meigallos; os perigos do tronante á hora de poñerse a mallar; as fontes das augas milagreiras; as lendas de cocos e monstros; as das Marías, vampiresas de Santiago chuchadoras do sangue dos cativos. Ou contos que antropoloxizan animais, coma o casamento do piollo e da pulga; os sucedidos nos que intervén o demo; historias e lendas encantadas con rarezas que nos marabillan ou estarrecen; as maxias da fauna, nomeadamente do cuco ouda serpe que mamaba nas mozas; das donicelas; lendas verbo de santos; sobre o Meco ou as Pampónigas;

Antonio Reigosa

Antonio Reigosa

crenzas sobre o uso da nosa flora; sobre a Galicia desaparecida; as “verdadeiras” historias de heroes e heroínas; os poderes da medicina tradicional; os mitos relixiosos de noso; as marabillas e encantos dos lugares míticos galegos; os tesouros agachados en fontes e castros; o culto ás pedras. En fin, historias nas que a morte vén na procura dalgún veciño, ou as poéticas do imaxinario.
Esta enciclopedia da Galicia Encantada ten en Antonio Reigosa o principal animador, xa que contribúe coa meirande parte do material recollido e publicado. Secasí, cómpre subliñar que máis de medio cento de colaboradores achegan así mesmo materiais narrativos a esta guía das mil e unha fantasías. Unha guía que constitúe un verdadeiro rexistro enciclopédico dos encantos deste país. Centos de encantos que confirman máis unha vez o dictum cunqueirán: “Somos a metade soño”, que é o mesmo que dicir que o transmundo, a maxia e o prodixio forman parte da vida cotiá da Galicia rural e mariñeira. Nas crenzas dos nosos devanceiros, moitas delas recollidas neste volume, reencárnanse as figuras arquetípicas e teofánicas universais. Os moitos colaboradores desta Galicia Encantada achégannolas na lingua de noso, adaptándoas ás nosas peculiaridades e inseríndoas na nosa lingua. Xa que logo, un deleitoso meiró recompilatorio que, sen que sexamos infieis ao curso da materia, fusiona o mito e o logos, a natureza e a cultura.

(Texto publicado o día 16 de abril de 2015 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)