As resistencias da memoria

AntípodasAntípodas
Xosé Vázquez Pintor
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 243 páxinas

Xosé Vázquez Pintor é un escritor todoterreo que nos ten agasallado con algunhas das novelas máis tremendas e fermosas da literatura galega, quer suturando a cultura e as traxedias da montaña e da ribeira, quer relatando a espera da derradeira viaxe ou recuperando a épica do noso mar e rescatando un memorial de amor diferente. Nesta nova achega, Antípodas, o autor volve exercer o seu oficio da activista da lingua, reconstrúe o mundo coa evocación e faino botando man dos ollos dun neno que, en compaña da súa cadela, humanizada primorosamente, inventa un territorio humano e natural fitado cos ollos de ver e con aqueloutros que miran desde dentro, desde a imaxinación e a fantasía.
Son Plinio, un neno da inclusa, e Luneda. Cando a nai de Plinio cae derrubada nos abismos, el ensoña a fuxida ben de lonxe, navegando por outros mundos cara aos antípodas. Mais denantes diso, Plinio achéganos as coordenadas do seu mundo, mergullado nos seus soños e baiuras, facendo inquéritos sobre o tempo de antes, sobre as biografías dos señoritos, sobre aquelas casas nas que non había homes porque todos emigraran. E sentindo e sufrindo o tempo de arestora, áspero e duro, nomeadamente para os humildes. No personaxe do pícaro da inclusa amalgama o autor tantas experiencias da infancia nun mundo ido xa para sempre e que xa só resisten na memoria. Evoca oficios, personaxes, ledicias e medos, artellando unha trama argumental por aglomeración de lembranzas e vivencias. O resultado é un friso engaiolante da terra de noso, altísima literatura, escrita de sentimentos -porén, non sentimental-, de resistencias da memoria e de bruídos de denuncia.
Estouran nesta novela todos os bríos e potencias dunha lingua milenaria. Un cadoiro de poesía, que é moito máis que un afeite ou verniz externo á prosa narrativa. A poetización constitúe a cerna da escrita do narrador de Agolada. E con técnicas narrativas e figuras literarias tiradas da nosa sintaxe de sempre e do galego antigo, e formas lexicais que non están nos dicionarios, senón só infelizmente na oralidade, nas voces dos avós, constrúe o autor unha novela cativadora que dá xenio ler e gorentar.

(Texto publicado o día 27 de marzo de 2015 no xornal El Correo Gallego. para ver o orixinal facer clic aquí )