“O Parnaso sobre rodas”: unha amable historia de amor aos libros

O parnaso sobre rodasO Parnaso sobre rodas
Christopher Morley
Tradución de Estela Villar
Rinoceronte Editora, Cangas do Morrazo, 2015, 152 páxinas

Na súa colección Clásica publica Rinoceronte Editora O Parnaso sobre rodas, un rubro moito máis fiel ao orixinal de Christopher Morley (Parnassus on wheels) que o empregado por outras versións como a castelán. A obra foi publicada en 1917. O seu autor, pouco coñecido entre nós, naceu en Bryn Mawr (Pensilvania) en 1890. Estudou historia moderna na universidade de Oxford e nesa época comezou a escribir. En 1913, xa en Nova York, traballou como editor e, como xornalista reporteiro percorreu Estados Unidos. A súa primeira novela foi Parnassus on wheels. A máis coñecida, porén, e coa que acadou a fama, sobre todo ao ser adaptada ao cine, é Kitty Foyle.
O Parnaso sobre rodas é unha peza narrativa para o gozo dos sentidos, un libro ameno, concentrado no gusto que producen os bos libros, co engadido dunha fermosa historia de amor. Un conto longo que nos achega sobre todo as figuras de dous personaxes certamente saborosos: o señor Mifflin e Helen McGill. Esta última, institutriz na súa xuventude, renunciou á vida urbana e xunto co seu irmán Andrew comprou unha granxa no medio rural, na que vive durante dez anos dedicada ás faenas do fogar e da granxa, e a coidar de seu irmán que só pensa en se converter en escritor. Mais un día Helen ve que polas portas da súa granxa entra unha extravagante aparición: unha estraña carruaxe tirada por dous cabalos brancos e guiada por un homiño de barba rubia: O Parnaso Ambulante de Roger Mifflin que carretaba unha enorme librería. O señor Mifflin, canso de viaxar, ofrécelle venderlle a carreta con todos os libros. Helen acorda mercala antes de que o faga seu irmán deixándoa soa na granxa. Gasta todo o diñeiro que levaba aforrando ao longo da súa vida, adquire a librería ambulante e inicia unha nova vida. Prendera nela a paixón polos libros e pola aventura, e convertida en vendedora ambulante, na compaña do señor Mifflin, recorre o mundo vendendo cultura e apaixonándose coa natureza e coa vida ao aire libre, coas conversas coas xentes das aldeas. Paseniño a nova vendedora ambulante de libros decátase dos valores do anterior propietario, o señor Mifflin, un home pouco agraciado fisicamente, mais cun corazón moi grande. O resultado é unha apracible e fonda historia de amor.

 

Christopher Morley

Christopher Morley

O Parnaso sobre rodas é un conto gorentoso no que o seu autor fusiona un canto á cultura, aos libros e á natureza, ateigado de situacións entrañables, por veces alucinantes, cun selecto e rexoubeiro humor. Un relato non exento de intencións moralizantes. O desenlace, bastante previsible, non desafina co ton pracenteiro do relato. Un fermoso texto con boas descricións da paisaxe e agudos retratos de personaxes moi humanos, semellantes aos que podemos atopar en calquera peza narrativa de Mark Twain. Todo isto, xunto cun estilo de prosa coidado, mais sinxelo e popular, malia as moitas referencias literarias aos clásicos, dotan a esta novela dun valor perdurable, e convértea nunha lectura amable que deixa no lector unha sensación moi agradable.