“Antípodas”: navegar nas gamelas da memoria

AntípodasAntípodas
Xosé Vázquez Pintor
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 243 páxinas

Antípodas é, en palabras de Xosé Vázquez Pintor, a “resonancia magnética” que vai más alá, cara ao profundo da ensoñación, das liberdades e das luces. Unha verdadeira luzada de optimismo que naceu como terapia logo dunha resonancia magnética da ciencia médica, cando o autor padecía as secuelas dun infarto severo. Unha terapia fuxindo da despedida, dese tempo de medo no que un se agarra a todas aquelas baiuras que nos poden salvar a vida. O resultado daquela terapia é este fermoso libro, un verdadeiro galano das letras de noso, artellado en capítulos breves porque o autor precisaba “desafabar, botar fóra con urxencia”. Un ruxe-ruxe con palabras desde o íntimo que remata sendo unha engaiolante creación literaria.
Dabondo ten contrastado Xosé Vázquez Pintor o moito que de poeta e narrador leva dentro. Acoutándonos ao terreo da creación narrativa, Vázquez Pintor tennos agasallado con algunhas das novelas máis tremendas e fermosas da literatura galega, suturando a cultura da montaña e da ribeira; relatando nun estouro de humanidade as esperas da derradeira viaxe: recuperando a épica do noso mar e os dramas, a braveza e a humildade das xentes avasaladas das nosas costas; ou rescatando un memorial de amor diferente. Nesta nova achega, Antípodas, o autor volve ao seu oficio de activista da lingua, reconstrúe o mundo coa evocación, e faino botando man dos ollos dun neno que, en compaña da súa cadela, primorosamente humanizada, abofé que inventa un mundo enteveado cos ollos de ver e con aqueloutros que miran desde dentro, desde a imaxinación e a fantasía.
Eles son Plinio e a cadela Luneda que tamén é urbe industrial e siderúrxica (urbs e canis). Plinio é un neno da inclusa, do convivio. Cando a súa nai cae derrubada nos abismos, el ensoña a fuxida sen regreso, ben de lonxe, navegando por outros mundos. Luneda será a súa confidente cara ao alén, cara aos antípodas. Plinio é un protagonista exposto desde o seu nacemento a todos os abalos e treboadas da vida, mais nunca pedirá esmola, só un sorriso da vida, malia que viva nunha cortella. E Plinio achéganos as coordenadas do seu mundo, na cidade do mar, mergullado nos seus soños e baiuras, navegando nas gamelas da memoria, facendo inquéritos sobre o tempo de antes, sobre as biografías dos señoritos, sobre aquelas casas nas que non había case homes porque todos emigraran. E sobre o tempo de arestora, un tempo ateigado de cambios, áspero e duro, nomeadamente para os máis humildes.
No personaxe do rillote da inclusa amorea e amalgama o autor tantas experiencias da infancia nun e nun mundo ido xa para sempre. Resisten só na memoria. Evoca así os arrieiros, os antigos que labraban a terra, os sermóns de medos e pandemias, as experiencias no mar de casa e no mar océano. E coa historia de Plinio e da súa cadeliña abrollan moitas outras, como as da siña Carme de Corcubio que deita e dorme na residencia da terceira idade e carrexa na súas lembranzas todo un mundo; a da siña Xovita e as súas mans identitarias de remo e arado; a de Lois Carreño que se sinte só e fala contra as paredes; ou a do curiña don Andrés para quen o ceo nunca era galego; a de Tuno dos Monxes que sabe cousas que se din de antigo, a cerimonia das palabras; ou a de Narencio, outro que xubila o paso do tempo.
Unha trama argumental artellada, xa que logo, por aglomeración de lembranzas e vivencias. Velaí a sinxela arquitectura que a acuidade e a mestría de Vázquez Pintor converte, nun relato pouco ou nada canónico (En Antípodas non existe intriga, nó, o seu desenlace non é convencional e ademais racha cos xéneros), nunha novela engaiolante, en altísima literatura, escrita de sentimentos -non sentimental-, de resistencias da memoria e de bruídos de denuncia.
Especial atención merece o apartado da lingua desta novela. A prosa de Xosé Vázquez Pintor reloce desde sempre cunha moi intensa poetización, que se deixa sentir na súa narrativa e na súa obra ensaística. Mesmo un correo electrónico de tres liñas de Vázquez Pintor acostuma a estar pincelado con luzadas líricas. Un ballón de poesía que é moito máis que un adobío, moito máis que un verniz externo á prosa narrativa. A greca lírica constitúe a esencia, a cerna da escrita do escritor de Agolada e de Cangas. Endalí os alicerces dese estilo forte e epopeico que o autor leva dentro e que eleva o galego a unha fermosa obra de arte. E á vez, mediante técnicas narrativas tiradas da sintaxe do galego, como a supresión de artigos diante de nomes de personaxes (“Taberneiro sabe compracer”, “Cadeliña está en min”, “Ave gosta de saber”…) e outras figuras literarias do galego antigo como as interpolacións e recursos no plano fónico e sintáctico, consegue un achegamento moi natural e mesmo familiar da voz narrativa. Engádase a todo iso o uso da fala que -xa o advirte o autor na “Folla de ruta e embarque” deste libro- “non sempre está rexistrada nos dicionarios como formas dialectais”. Nesta novela, Xosé Vazquez Pintor explota, como en ningunha outra, as posibilidades do galego na súa sintaxe e nas súas formas lexicais. Esas que infelizmente xa só están na oralidade, nas bocas e voces dos avós. Novela pois que recupera vedraños termos lingüísticos a prol da súa supervivencia, as sabenzas das nosas tribos, que marcan con rúbricas de autenticidade a lingua literaria desta novela -velaí algunha mostra nos fragmentos que reproduzo-, que dá xenio ler e gorentar á vez que nos enchoupamos nas ensoñacións dese pícaro, mergullado nos seus soños.

Xosé Vázquez Pintor

Xosé Vázquez Pintor

                                                         Fragmentos

“O bico bica no chan da lousa grisalla” ( páxina 28)

…..

“O galo cata. Parasitado, ecuménico, feliz, peteira en plumas, martela, non ve cos ollos, foza de peteiro en bravo e trisca, malla no insecto e engole para que o papo inxecte deseguido un último arrepío” (páxina 60)

…..

“E repetimos, repetimos, sempre repetimos ata aprehender que o corpo xa non é a ruína e sabe a petiscos de molete con xoubiñas” (páxina 90)

…..

“Noitea longo e claro pola bufarda. O sestrelo existe só en min, non cadra alén do vidro no que tecen as arás dende que a estirpe existe.” (páxina 111)

…..

“Sentamos cu na caloriña do sol e o granito agradece esta benvida. Luneda quenta cu e mobiliza a inxesta de aire no baleiro, ese ventre de folecho que sempre quer saír. E baixa os ollos do perdón.” (páxina 115)

…..

“E cando fica para nós a soidade, todo o silencio, vou e bico o rostro que me sabe tanto na mornura e no cariño contra aqueloutra miña dor, a tanta ausencia. Digo mamá, e nai. E xa me visto. E campo por de fóra e por de dentro.” (páxinas 117-118)

…..

“Entrei no desvarío. Tantas noites sen sono. Tantos días sen pan e sen palabra. Tantas tantas ata as tantas da noite en solidario abur, quero ir contigo, con tigo, con tigo, con tigoooooooo.” ( páxina 142)

…..

“E viña. E leva o rabo alzado de berbericho, esa espiral que gasta cando vai de tan calada nese garabullo da inocencia.” (páxina 147)

…..

“Namorado el da súa dama, eu soñaba nas distancias de aquemparte: as carrouchas, que as donas das carreiras do cordel sabían domear para ser máquinas do mar, aparellos, montes de alimento con rexistro nas malvinas, capetón ou terranova.” (páxina 157)

…..

“Eu só, nas tantas millas, nas tantas leguas á redonda” (páxiña 186)

…..

“Esa muller de pan centeo que amo tanto e tanto tantas veces tanto tan feliz e conformamos praia e sol, mornura e maruxía, cataventos, barco, océano.” (páxina 198)