“Xente ao lonxe”: edición restaurada dunha gran novela

Xente ao lonxeXente ao lonxe
Eduardo Blanco Amor
Edición e epílogo: Xosé Manuel Dasilva
Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 352 páxinas.

Unha das achegas más importantes da literatura galega nos últimos meses é sen dúbida a edición, na súa versión restaurada, dunha das grandes obras de Eduardo Blanco Amor que nos ofrece Editorial Galaxia. Despois de “tanto tira e afrouxa”, como manifesta o propio autor na “Advertencia previa”, Blanco Amor puido ver editada Xente ao lonxe no ano 1972. Aquela edición, igual que acontecería coas catorce que seguiron, apareceu fortemente condicionada, ou mellor dito estragada, pola presión da censura, con anacos eliminados polos censores franquistas. As mutilacións non foron numerosas, mais a súa relevancia era importante no desenvolvemento da narración, nomeadamente no seu remate.
A cultura galega, a partir de agora, está en débeda co profesor da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva. El mesmo nun epílogo moi interesante (“A versión verdadeira de Xente ao lonxe”) resume as vicisitudes da novela ante a censura que reflicten o clima represivo daqueles tempos. Un episodio merecente en si mesmo de que lle prestemos atención.
Dous dos censores do ano 1971 resaltaban o valor da novela, outro desprezábaa por ser unha “novelita de bastante pobreza literaria”, concordaban porén os tres en valorar como obscenas algúns parágrafos ateigados de “pasajes escabrosos, palabras oscenas (sic) y soeces con frecuente blasfemia…” (páxina 336). Por todo iso foille denegado o permiso para a súa publicación. Aconsellado por Fernández del Riego, Paz-Andrade e Basilio Losada, Blanco Amor púxose ao labor de purgar o texto orixinal que foi presentado de novo á censura en decembro do mesmo ano. O censor, nesta segunda revisión, mantiña que persistían varios fragmentos impublicables (“blasfemias, palabras y frases obscenas, conversaciones eróticas entre muchachos sumamente atrevidas…”) Propuña, con todo, aprobar a edición do libro, “en atención a que la obra está en gallego y su difusión siempre será escasa” (páxina 341). A novela desfeita e desnaturalizada ou “esfolada” como pensaba o propio Blanco Amor, saíu dos prelos de Galaxia no ano 1972. E Eduardo Blanco Amor que finou en 1979, non tivo a oportunidade de ver publicada a versión xenuína da súa obra, que arestora todos nós temos a posibilidade de ler grazas, como dixen, ao labor investigador do editor que atopou na Fundación Penzol e no Archivo General de la Administración os mecanoscritos orixinais remitidos á censura por primeira vez, que constitúen sen dúbida a versión testamentaria da novela de Blanco Amor.
Xa que logo, nesta edición que sae á luz sen as talladas desfiguradoras feitas directa ou indirectamente polas tesoiras censoras, o lectorado galego ten a oportunidade de gorentar, nun exercicio desmitificador do idioma, “desencadenado de su cursilería decimonónica…de su ruralismo choqueiro”, unha novela coral, saga familiar e crónica social, na primeira década do pasado século; un cadro panorámico de A (Auria) que recrea ambientes populares, os baixos fondos, a atmosfera da burguesía e do clero, satirizado por abondosos motivos no relato de Blanco Amor. Unha novela na que

Eduardo Blanco Amor

Eduardo Blanco Amor

estes ambientes e os acontecementos que se narran, condicionan a forma de pensar, e fan mudar asemade as maneiras de actuar dos dous principais protagonistas-narradores, o neno Suso e Evanxelina.
Todo iso, xunto coa matanza de Oseira, o clamor dun pobo oprimido que reclama os seus dereitos máis elementais, o relato, con non poucos enfoques obxectalistas, do vivir diario na cidade, con todo no que á luz do día os ás agachadas acontece na mesma (abortos, sexo, prostíbulos, os movementos sociais, a loita das mulleres polos seus dereitos, a chegada dos xinecólogos, a reacción da xente ante tal modernidade…) configuran unha peza narrativa afouta, atrevida, na que conflúen as olladas perspectivas de varias voces narrativas, para alén das dúas principais , que dan fe da aposta de Blanco Amor polo protagonismo colectivo sempre concreto, único capaz de facer avanzar a historia.
Parabenizo a Editorial Galaxia por pór a nosa disposición unha das grandes creacións novelísticas da narrativa galega de todos os tempos, agora xa na súa integridade, tal como Blanco Amor a concibiu a pariu, sen as talladuras censoras dun tempo escuro e represor.