Un axuste de contas coa familia Portela

O ocaso da familia PortelaO ocaso da familia Portela
Noa Pérez González
Edicións Barbantesa, Cangas do Morrazo, 2015, 119 páxinas

Debuta Noa Pérez González na narrativa con esta novela breve, O ocaso da familia Portela, unha peza narrativa que seguramente non se converterá en bestseller, mais coido que a súa andadura polas nosas letras ha ser moi digna e non carecente de aceptación ao pouco que esta novela chegue ao coñecemento dos lectores.
A autora mergúllase no mar de fondo dunha familia de boa posición social e tamén bo patrimonio que vive no espazo de Vigo e do Baixo Miño, e pincela as interioridades e segredos desta familia, os Portela, nun furco temporal que vai desde a Guerra Civil ata os anos setenta do pasado século. E á vez que realiza este mergullo, amosa, con grande realismo e verismo, os distintos climas humanos e sociais da época.
Noa Pérez González outórgalle o protagonismo e a voz narradora a unha das seis curmás Portela, Guadalupe, que lembra o cénit e o ocaso dos Portela e o seu fatalismo. Escribe a crónica familiar para que os seus sobriños, fillos da curmá que se revelou, saiban que no pasado a familia Portela “venerara un feixe de frechas”. E para que conste que todos, tamén ela mesma, foron covardes, e para revelarlles as súas calumnias de falsarios. Deste xeito a historia dos Portela convértese nun verdadeiro axuste de contas cunha familia que pode ser ollada como un paradigma das familias tradicionais e poderosas nos anos da ditadura franquista.
Describe a autora con trazo firme, e sobre todo polos seus actos, os distintos membros da familia Portela, comezando polo avó Elías, o primeiro amo do galiñeiro, que morre dunha doenza de transmisión sexual, contaxiado por unha viúva experimentada. O tío Pascoal, alcumado Santísima Trindade porque ten tres licenciaturas, tan mullereiro coma o seu pai, pero afastado para sempre das mulleres por unha moza medio irmá coa que estivo a piques de cometer incesto; o tío Francisco, un invertido, un noxento delito naquel tempo, que botou mal casado toda unha vida. Mais o relato céntrase sobre todo na mazá podre e estigmatizada, a curmá Clara María, a única valente da familia, e na vida insípida da tía Emilia, á que o clan familiar lle cortou as ás, obrigándoa a acadar a asepsia sentimental mediante o esquecemento.
Na familia Portela, confesa a voz narradora, era difícil ser neno e aínda moito máis difícil ser nena. A educación das nenas é moi ríxida a respecto dos contactos cos rapaces. Foron os grillóns que atraparon as súas adolescencias, porque os Portela forman un clan que rexeita os membros que non seguen as normas do propio clan, impostas polos máis vellos. E aínda que ningunha das mulleres da segunda xeración quixo emular ás da primeira, a voz da protagonista retrata con mestría a perversidade e a hipocrisía das cinco curmás Portela: limítanse a sorrir cando había que sorrir, a asentir cando o esixía a ocasión. Tímidas e recatadas en sociedade, mais verdadeiras harpías, seguindo o exemplo dos maiores, se as avivaban contra alguén (páxina 101). E tal como adoitaba acontecer naqueles anos, as adolescentes Portela tiñan interiorizado, polos sermóns torrenciais do tío cura e as mexericadas das monxas no colexio, que o corpo feminino era pecado. Porén, polas filtracións dos adultos, as curmás sabían de adulterios, amantes, crimes pasionais, concubinatos, abortos clandestinos, das desordes habituais nas condutas masculinas ou da existencia de “malas mulleres”.

Noa Pérez González

Noa Pérez González

A novela, malia a súa brevidade, reconstrúe unha boa parte da memoria histórica nos primeiros días da Guerra no Baixo Miño: os fuxidos fusilados, as delacións e traizóns, a represión brutal que levou ás claudias a moitas persoas, as mensaxes de medo, o afastamento da escola, por desafecta ao réxime, da tía Emilia, á que lle aniquilaron a esperanza, pero que foi un dos poucos membros da familia que tivo ás para voar.
A autora emprega ferrados de ironía e de verosimilitude ao inmiscirse nos segredos da familia. Dá no albo co estilo da prosa, tinguida por veces con tonalidades expresionistas, outras engaiolada con luzadas líricas. No debe da novela apunto o feito de que, na miña estima, o relato pérdese por veces en historias secundarias dos membros da familia, como tal a convivencia de Leonora, amiga da nai de Guadalupe, cos seus dous maridos. Historias que soamente atinxen circunstancialmente ao fío principal, a crónica da familia Portela. Un feito, non entanto, que non empece a lectura nin prexudica o debut dunha nova narradora das letras galegas.