Metacrítica literaria

                              MICRO ENSAIOS LITERARIOS
Roberto calasso con libros
Coñecemos con exactitude o que significa literatura? Velaquí a pregunta esencial que formula Roberto Calasso, o novelista e ensaísta italiano, director así mesmo desde 1999 de Adelphi Edizioni, un dos máis prestixiosos selos editoriais de Italia, nun ensaio polémico, ateigado de estímulos e incitacións (La letteratura e gli dei, 2001). A capacidade de Calasso para perforar os xéneros é indubidable e poderosa, á vez que doadas as narracións que nos ofreceu das mitoloxías europeas e hindú en Le nozze di Cadamo e Armonia (1988) e K (2002).
No ensaio de referencia, o escritor italiano realiza metacrítica literaria, con reflexións de grande alcance, apelando á fórmula de explicación do humano en base a referentes divinos.
Calasso parte da premisa de que os deuses son hóspedes fuxidíos da literatura. Atravésana coas estelas dos seus nomes, mais con frecuencia tamén a abandonan. Non foi ata o comezo do século XIX cando a literatura adquiriu algunhas das connotacións que hoxe nos resultan familiares e recoñecibles: un saber que atopa o fundamento en si mesma e que, xa que logo, pode definirse como “literatura absoluta”. Un coñecemento que se identifica coa procura do absoluto, e é en si mesmo “ab-soluto”, é dicir, liberado de calquera vencello de funcionalidade e obediencia ou pertenza ao corpo social.

                                                      dioses del OlimpoNa opinión de Roberto Calasso o olimpo da literatura absoluta dá comezo en 1798 coa revista Athenaeum, na que de forma anónima escribían Schlegel e Novalis. E péchase cen anos despois, en 1898, co pasamento de Mallarmé. Neste ser que se basta a si mesmo, ser soamente autorreferencial, é a linguaxe mesma a que fala, amosándose como indomable, e ofrecéndosenos na plenitude do seu caracter temerario. Porén, nas súas interpretacións, Calasso sae dos lindes deste século máxico con pescudas para atrás, cara a un pasado poboado de ninfas, gobernado polos mestres venecianos ou pola poesía védica e na que tamén impera a potencia hostil do cristianismo.
Entremedias, o século XX, o século da prosa, con dous autores que sobrancean por encima dos demais: Marcel Proust e Franz Kafka. Roberto Calasso opina que nos atopamos nunha época ambigua na que o pulo literario é débil e a percepción do que acontece baixo o nome do sagrado ou do divino, é caótica e cega. Falta pois na escrita actual a sustancia da que se alimentaron as grandes obras literarias desde a antigüidade grecolatina: a presenza dos deuses que configuran unha escrita na que se fai presente a parodia e resoa a deserción, a nostalxia ou o divino