“Orgullo e prexuízo”: rachando esquemas e prexuízos

Orgullo e prexuízoOrgullo e Prexuízo de Jane Austen reducidooooooooooooooo
Jane Austen
Introdución: Carlos J. Gómez Blanco
Tradución: José Díaz Lage
Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 527 páxinas
(LIBROS DE FONDO)

O propósito máis notorio da escrita de Jane Austen foi reflectir a sociedade do seu tempo nunha sorte de espello máxico de xeito que se puidesen observar sen ningún tipo de maquillaxes todos os seus defectos, horrores e calamidades. Ou como lemos no título da súa obra máis coñecida vertida ao galego na colección “As Letras das Mulleres” de Sotelo Blanco, opor o orgullo ao prexuízo, rachando así cos esquemas da sociedade por ela coñecida, que agachaba o verdadeiro sentido da vida. Toda a súa obra amosa un forte fondo moral e permite descubrir a psicoloxía máis profunda e matizada dos seus personaxes e en especial, os trazos da burguesía na época finisecular do XVIII, nunha Inglaterra moi conservadora e tradicional. Neste ambiente, a meta primordial de toda muller é acadar un bo matrimonio, casar ben, é dicir: atopar un marido con boa posición social e económica. Será o tema central da meirande parte da produción ficcional de Jane Austen.
Pero alimenta de maneira especial a Orgullo e prexuízo, unha novela que pertence á primeira etapa da escritora, xunto con A abadía de Northanger e Sentido e sensibilidade. Son as ficcións nas que a escritora, afastada da convulsa situación política da época, reflicte con alto grao de sutil ironía os costumes da pequena burguesía rural da Inglaterra daqueles momentos.
As liñas limiares de Orgullo e prexuízo introdúcennos de cheo no núcleo temático da novela: “É unha verdade universalmente aceptada que un home solteiro en posesión dunha boa fortuna debe de estar á procura dunha esposa. Por pouco que se coñezan os sentimentos ou as opinións de tal home ao chegar a unha veciñanza, esta verdade está tan establecida nas mentes das familias dos arredores que se lle considera propiedade dunha ou outra das súas fillas”. Un home desas características fixa a súa residencia en Hertfordshire. Mr. Bingley, solteiro, rico e agradable, que de contado fará as delicias de todas as nais con fillas casadeiras. Na súa compaña vén Mr. Darcy, igualmente rico e solteiro pero en absoluto encantador que gaña a pulso o desagrado das mesmas nais.

Jane Austen

Jane Austen

A partires de aquí, dentro da familia Bennet, unha nai e cinco fillas en idade de merecer, comeza un verdadeiro rebumbio arredor do matrimonio, pois a única meta real das súas vidas é conseguir un marido cunha boa posición social e económica. Nada importa a súa educación, moralidade nin tampouco o xermolar do amor. Unha manchea de enredos , reticencias e intrigas familiares centradas na posición social e económica dos personaxes masculinos, serán os vimbios cos que Jane Austen constrúa esta comedia de costumes e, á vez, exposición crítica da situación da muller de clase media e alta no sistema patriarcal de comezos do século XIX.
A voz narrativa da escritora denuncia esta situación con mestría, elegancia e copiosas pinceladas de sutil ironía que en moitos casos chega á caricaturización, cousa que fai diminuír a profundidade e a verosemellanza da novela, outorgándolle en contrapartida un grande sentido cómico que aínda nos fai sorrir, malia o paso do tempo. Orgullo e prexuízo evidencia unha escritora aínda moi nova, cunha visión bastante divertida da vida, pero cunha inmensa capacidade perceptiva ao servizo da escrita. Todo isto fai desta “alta comedia” un dos grandes títulos da literatura universal e un piar importante dentro da literatura feminista e progresista.