“Os ditosos anos do castigo”: unha factoría de mulleres perfectas

Os ditosos anos do castigo reducidooooooooOs ditosos anos do castigo
Fleur Jaeggy
Tradución de Cristina González Piñeiro
Rinoceronte Editora, Cangas do Morrazo, 2014, 97 páxinas

Tense conxecturado que nesta novela de Fleur Jaeggy están presentes non poucas experiencias autobiográficas, porque estamos diante dunha peza narrativa sobre un internado feminino suízo situado na localidade de Appenzell, non lonxe dos lugares por onde paseara Robert Walser cando estaba no manicomio, e a escritora, Fleur Jaeggy, ten abondas experiencias verbo da vida en internados, pois pasou boa parte da súa infancia e adolescencia en internados femininos entre Suíza e Roma. Eses internados suízos, lugares finxidamente plácidos, en teoría centros de formación de esposas exemplares, foron no fondo verdadeiros psiquiátricos.
Nun deles sitúa a autora a trama desta novela. Un internado para rapazas de boa familia nos anos cincuenta, ensopado dun ambiente rigoroso, represor e claustrofóbico, e no que as alumnas son instruídas nunha educación xélida e discriminatoria.Unha fábrica de amas de casa perfectas. Esta atmosfera está moi ben reflectida en Os ditosos anos do castigo, “un libro de atmosferas, de ambientes escuros, enigmáticos e opresivos que gravitan arredor dos personaxes e das súas emocións”, ou como Fleur Jaeggy escribe na primeira páxina: “En Appenzell (…) tense a impresión de que dentro está a acontecer algo serenamente tenebroso e lixeiramente malsán. Unha Arcadia de enfermidade” (páxina 5).
A novela é un preciso retrato da rutina cotiá do internado, o Bausler Institut. No mesmo estuda a protagonista narradora que, desde o tempo presente, rememora os seus anos nese internado feminino, situado cerca do lago Constanza e de Harisau onde se atopa o manicomio no que estivo ingresado, contra a súa vontade, Robert Walser nos derradeiros anos da súa vida, antes de se suicidar. É esta unha referencia que Fleur Jaegy deixa ao comezo da novela e que marcará a tonalidade melancólica e opresiva da mesma.
A historia narrada vai, como digo, do presente ao pasado, e desde este ao presente. As lembranzas da protagonista, unha muller adulta, recuperan o pasado, a súa infancia e adolescencia, transcorridas en internados femininos suízos. E sobre todo, a historia da súa estadía no Bausler Institut. A nai que vive en Brasil é a que emite as ordes relacionadas coa súa educación, mentres que o pai vexeta nun hotel dunha cidade suíza. A vida no internado e un lento e rutineiro transcorrer dos días e das horas.”Soa a campaíña, erguémonos. Soa outra vez a campaíña, durmimos. Retirámonos aos nosos cuartos. Vivimos a vida pasar desde a xanela…” ( páxina 17). O aburrimento e a desgana conviven cunha atmosfera densa e sensual. As nenas e as adolescentes procuran entre elas unha amizade amorosa. As máis pequenas suplican ser as protexidas, as parellas das maiores.
Mais de socato todo se altera polo profundo impacto que supuxo a chegada ao colexio de Frédérique, unha rapaza diferente, fermosa, perfecta; ata na súa caligrafía deixa sen palabras á protagonista que se sentirá fortemente atraída pola nova alumnas ata o punto de viviren unha relación sentimental que chega ás fronteiras do amor, aínda que non se vexa reflectida no plano físico. Xa que logo, non homosexualidade, mais si homoerotismo. O contacto humano como forma de superación da friaxe humana do Bausler Institut.

                                             Fleur Jaeggy                                                                   Fleur Jaeggy

Na novela, malia a súa brevidade, abrollan moitos temas merecedores de reflexión: o mundo dos internados, a súa rixidez castrante, que nada ten que ver coa realidade: o afastamento da familia e a conseguinte astenia de sentimentos. A degradación da figura masculina, ollada tanto a través do pai da protagonista como da figura do marido da directora, un subordinado das pequenas e castas paixóns da súa muller (páxina 56). O rebentar do corpo feminino en forma de homoerotismo por cousa do ambiente pechado; as chamadas da vida, da verdadeira vida que non é a do internado; a creatividade e a beleza cando limitan coa enfermidade mental, como amosa o desenlace da trama.
Fleur Jaeggy escribe esta novela curta cun estilo de prosa contido, terso; reflicte unicamente o esencial. Quizais por iso a súa prosa construída con frases sinxelas, amose unha certa frialdade. Mais, como a propia autora confesa, unha certa glacialidade tamén revela sentimentos. Por iso mesmo a escrita de Fleur Jaeggy é distinta. Aliméntase só do esencial e o seu falso candor, a súa deliciosa malura introdúcenos con gran eficacia na escura e monótona rutina desta factoría de mulleres perfectas.