Un Kafka enxeñoso e hiperbólico

Un médico de aldea de F. KafkaUn médico de aldea
Franz Kafka
Tradución de Luís Fernández
Editorial Galaxia, Vigo, 258 páxinas
(LIBROS DE FONDO)

Un médico de aldea editado na colección “Clásicos universais”, foi o primeiro volume que Galaxia publicou da produción literaria de Kafka, no seu intento de nos achegar as narracións completas do escritor nado en Praga en 1883. A obra é un dos tres libros de relatos que Kafka publicou en vida e recolle todas as narracións breves escritas ata o ano 1917.
O lector debe de ter en conta, para se achegar a estes textos, que as narracións que acolle o volume forman parte da obra que Kafka quixo publicar e de feito publicou en vida: os tres libros de narracións, titulados respectivamente Observación (1913), Un médico de aldea (1919), Un artista da fama (1924), máis outras narracións publicadas de xeito illado. Os textos que nos ofrece a tradución de Luís Fernández, reúnen un material moi diverso. O mesmo autor empregou distintas denominacións para se referir a estes textos: pezas, anacos, fragmentos, historias, narracións. Algúns, como “O desexo de ser indio” ou “As árbores” semellan simples aforismos dunhas poucas liñas. Outros, en cambio, son historias de máis de cincuenta páxinas. Nalgúns deles percíbese a pegada autobiográfica; unha clara mostra é “A sentenza”, un conto estraño que remata co suicidio do mozo, incapaz de se entender cun pai irascible e estrafalario. Outros, pola contra, resultan refractarios a tal interpretación, e o cualificativo que mellor lles acae, é precisamente o adxectivo kafkiano: o home vítima de engrenaxes burocráticas e totalitarias que non é capaz de comprender. Un pesadelo básico que cuestiona o sentido da linguaxe e da realidade.
O estilo destes relatos, conciso, equilibrado e exacto, con leves concesións á ironía é unha copia da linguaxe detallista mais moi precisa da vida laboral do autor como redactor de informes sobre mutilacións sufridas polos traballadores. Kafka era consciente de que o seu destino vital lle demandaba unha entrega case que fisiolóxica ao acto de escribir. Mais o grande atranco para esta dedicación era das Bureau. Os escritor reflicten esta contraposición entre a escritura e a oficina.
En gran medida, esa evasión prodúcese na vida de Kafka mediante unha peculiar lóxica dos soños: espertamos baixo os imperativos da normalidade diúrna, pero aínda seguimos mergullados dentro do tecido dos soños, non menos lóxicos que a vixilia, gobernados, porén, por outra caste de coherencia. Ademais desta ambivalencia, entre semisoño e semivixilia, faise presente nestes relatos outro elemento, e en xeral en toda a obra kafkiana: o desenvolvemento ad absurdum dunha hipótese ou dunha idea consonte coa súa lóxica interna. O libro ofrécenos moitos exemplos da presenza deste elemento, xogo de paradoxos e hipérboles extremas absurdas. Saliento como tal o relato “Sobre a construción da muralla chinesa”, e o máis absurdamente cómico “Informe para unha Academia e outros textos sobre o tema de Pedro o Vermello”, no que un mono que aprende a falar, conta o ben que o pasa aproveitándose dos seus educadores.
Nestes relatos o Kafka perturbador deixa paso ao narrador enxeñoso, hiperbólico, máis divertido que desacougante. Na miña

Franz Kafka

Franz Kafka

estima, un dos relatos máis notables deste primeiro volume é “Na colonia penal”. Como en O proceso, este relato semella convidar a unha lectura metafórica, como símbolo das torturas que no noso tempo teñen acadado un refinamento tecnolóxico especialmente espantoso, aínda que na narración a tortura é una sorte de “arte pola arte”, progresivamente afastada da realidade na que semellaba presentarse ao comezo.
Así mesmo o relato que lle dá título ao volume, “Un médico de aldea” no que se alternan estampas sonambulescas con coherentes desenvolvementos das ideas kafkianas, levadas nalgún caso ata o extremo, en forma dunha verdadeira parábola, como “Ante a lei”, que máis tarde aparecerá en O proceso como prédica na catedral.
“Todo pode ser escrito”, afirmaba Kafka. Escrito de forma directa, concisa, en enganosa sinxeleza para achegarnos seres fantasmais e auguriados, tirados dos soños. Este volume é unha mostra desa especie de escritura continua que soamente se pode transmitir de xeito fragmentario.